Nove persoas procedentes de diferentes concellos da provincia de Ourense están a participar na formación Acompañamento en transporte escolar e adaptado, que COGAMI desenvolve a través do programa Máis Emprego co obxectivo de mellorar as súas competencias e facilitar o acceso ao mercado laboral.
A acción formativa, impartida nas instalacións de COGAMI en Ourense, conta cunha duración total de 75 horas, distribuídas en 50 horas de formación teórica e 25 horas de prácticas en empresa.
As prácticas realizaranse coa colaboración de varias empresas que operan no concello de Ourense, onde as persoas participantes poderán coñecer de maneira directa o funcionamento dos servizos de transporte escolar para centros educativos e de transporte adaptado para persoas con discapacidade e/ou mobilidade reducida, especialmente nos desprazamentos a centros de día.
As nove persoas que participan nesta formación proceden dos concellos de Barbadás, Ourense, Taboadela, Piñor, Castrelo do Val e O Carballiño, o que permite achegar as oportunidades de capacitación e emprego a persoas de diferentes puntos da provincia.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Novas formacións
O programa Máis Emprego que financia Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus, ten previstas impartir en Ourense novas formacións nas próximas semanas, para as que aínda quedan as últimas prazas dispoñibles.
A primeira será Manexo de carretillas elevadoras, cunha duración de 12 horas e que se desenvolverá os días 19 e 20 de outubro.
A segunda formación será Primeiros auxilios, de 40 horas de duración, que dará comezo o 26 de outubro. Esta formación é baremable para procesos de emprego público.
As persoas interesadas en participar nestas accións formativas poden contactar con COGAMI para coñecer os requisitos e formalizar a súa inscrición.
















