O delegado da Xunta en Ourense visitou esta mañá a residencia de maiores ‘Nuestra Señora de la Salud’ na Peroxa coincidindo co inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e a covid
- Manuel Pardo sinalou que na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras hai 121.489 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 76.800 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a inmunización fronte á covid
- Logo do arranque o día 28 nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 13 colexios, onde a Xunta está a desenvolver un proxecto piloto
- Respecto dos obxectivos para esta campaña, agárdase chegar ao 60 % de vacinación en nenos de 6 meses a 11 anos, nas mulleres embarazadas e nos traballadores sanitarios, e ao 75 % na poboación de 60 ou máis anos
Ourense, 1 de outubro de 2026.- O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado de técnicos da Consellería de Sanidade, achegouse esta mañá á residencia de maiores ‘Nuestra Señora de la Salud’, no concello da Peroxa, coincidindo co inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e a covid.
O delegado da Xunta lembrou a importancia da vacinación deste colectivo posto que concentra unha poboación especialmente vulnerable ante as infeccións respiratorias e as súas posibles complicacións. Por iso, Manuel Pardo incidiu na necesidade de seguir afondando na concienciación desta campaña preventiva, que nesta edición incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos.
Respecto da dimensión da campaña, o delegado da Xunta explicou que na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras hai 121.489 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 76.800 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid.
Manuel Pardo concretou que a duración desta campaña será ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Deste xeito, tras principiar a campaña o pasado 28 de setembro, en residencias de maiores e centros de discapacidade; o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 13 colexios onde a Xunta está a levar a cabo un proxecto piloto que xa iniciou o pasado ano, cunha poboación diana de 3.731 alumnos na provincia de Ourense. A partir do 19 de outubro, a vacinación estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios e, posteriormente, o 2 de novembro ás embarazadas.
Na súa intervención no acto, o delegado da Xunta puxo especialmente o foco na protección das persoas maiores, xa que este ano amplíase a vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos, polo que esta protección reforzada chegará xa a toda a poboación de 65 ou máis anos. Igualmente, fixo un chamamento á vacinación, posto que é a mellor protección é a prevención.
Cobertura da campaña
A área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras parte dunhas coberturas moi elevadas, posto que na campaña anterior o 74,28 % dos maiores de 65 anos vacináronse contra a gripe, superando a media de Galicia (72,36%). No caso da vacinación dos maiores de 80 anos, a área sanitaria de Ourense acadou un 83,57 %, superando a media de Galicia en case dous puntos (81,22 %); cifras que representan para o delegado da Xunta o compromiso da cidadanía e o traballo dos profesionais sanitarios.
Respecto dos obxectivos para esta campaña, agárdase chegar ao 60 % de vacinación en nenos de 6 meses a 11 anos, nas mulleres embarazadas e nos traballadores sanitarios, e ao 75 % na poboación de 60 ou máis anos.
Na provincia participarán nesta campaña 180 puntos adheridos ao Programa Galego de Vacinación e o número de doses que está previsto utilizar para poder acadar os obxectivos fixados serían de aproximadamente 98.471 unidades de vacina.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Reunión co alcalde
Aproveitando a súa estadía no concello da Peroxa, reuniuse esta mañá co seu alcalde Manuel Seoane, co que analizou as principais demandas do municipio en relación á Administración autonómica.
Manuel Pardo destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns.
Durante o encontro, o alcalde trasladoulle ao delegado da Xunta algunhas das necesidades do municipio que Manuel Pardo se comprometeu a estudar, á vez que lle brindou a colaboración da Xunta.

















