A Xunta achega máis de 63.000 euros para converter o antigo campo de fútbol de Beariz nunha área de deporte e lecer

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou as pistas de pádel realizadas a través da Orde de infraestruturas de uso público do ano 2025

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O acondicionamento dos terreos do campo de fútbol do Monte de Goberna completarase cunha pista multideporte, que contará cunha achega de 34.000 euros da mesma liña de axudas correspondente ao ano 2026

A iniciativa enmárcase no apoio do Goberno galego ao eido local e especialmente ás instalacións deportivas, fundamentais para o mantemento dunha vida activa e saudable.

Beariz (Ourense), 1 de outubro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, coñeceu hoxe en Beariz as novas pistas de pádel construídas no antigo campo de fútbol do Monte de Goberna, que xa están en funcionamento tras contar cunha achega de 29.390 euros da Xunta a través da Orde de infraestruturas de uso público de 2025. A visita serviu tamén para coñecer os terreos nos que se instalará unha pista multideporte, que contará cunha nova achega de 33.778 euros da mesma liña correspondente a 2026.

Con estas dúas actuacións, o Goberno galego destina máis de 63.000 euros á recuperación deste antigo campo de fútbol, que se atopaba en desuso e presentaba unha avanzada deterioración. O obxectivo é transformar o espazo nunha nova área para o lecer e a práctica deportiva, con equipamentos que permitan ampliar as posibilidades de actividade física ao aire libre.

Diego Calvo destacou que a nova pista multideporte complementará a de pádel e permitirá practicar diferentes deportes nun mesmo espazo, favorecendo especialmente a actividade física entre a poboación máis nova e tamén entre as persoas maiores. Subliñou, ademais, que estas actuacións exemplifican o apoio da Xunta aos concellos para mellorar as instalacións deportivas municipais e facilitar o acceso á práctica deportiva.

A Orde de infraestruturas de uso público é unha das liñas coas que o Goberno galego apoia os concellos de menos de 30.000 habitantes na creación e mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. A convocatoria conta este ano con 3,5 millóns de euros e pode cubrir ata o 80 % do gasto.

Ao longo de 2025, esta liña permitiu apoiar 106 proxectos municipais en toda Galicia, 34 deles na provincia de Ourense.

Melloras no centro social de Alvite

Diego Calvo achegouse tamén a Alvite para visitar as melloras realizadas no local social, nas que a Xunta colaborou con 31.040 euros a través das convocatorias de 2020 e 2021 do Plan específico de acción comunitaria.

As actuacións permitiron acondicionar o espazo e mellorar o seu equipamento, con mobiliario e equipamento audiovisual, ademais de actuacións no exterior como a colocación de lousas de pedra, a plantación de camelias, a instalación dun valado e a creación dun espazo para realizar proxeccións de cine ao aire libre durante o verán.

A orde, destinada a apoiar a dinamización social e comunitaria das asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, conta este ano con 3 millóns de euros, dos que 2,6 millóns se destinan á realización de obras e 400.000 euros á adquisición de equipamento.

O conselleiro lembrou que, a maiores destas achegas, o Goberno galego dispón doutras liñas de apoio aos concellos, como o Fondo de Compensación Ambiental, que este exercicio eleva o seu orzamento ata os 11,4 millóns de euros; a liña de apoio a proxectos estratéxicos do Fondo de Cooperación Local, que conta con 10 millóns de euros en 2026; e o propio Fondo de Cooperación Local, que alcanza os 187 millóns de euros, un 12 % máis que en 2025.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------