- A programación inclúe un obradoiro de repostaría, unha visita guiada pola Xudaría, unha conferencia, un concerto e dúas xornadas de portas abertas no Museo Sefardí
- O Concello mantén aberto ata o 6 de outubro un sorteo vinculado á Xornada Europea da Cultura Xudía
Ribadavia, 2 de outubro de 2026
O Concello de Ribadavia celebrará do 12 ao 18 de outubro a Semana da Cultura Sefardí, cunha programación que permitirá achegarse ao legado xudeu da vila desde diferentes perspectivas, como a gastronomía, a historia, o patrimonio e a música.
As actividades comezarán o luns 12 de outubro cun obradoiro de repostaría sefardí na Tahona no Camiño, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 14.00 horas. As prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico cultura@ribadavia.es.

A programación continuará o sábado 17 cunha visita guiada á Xudaría de Ribadavia. O percorrido partirá ás 12.00 horas desde a Oficina de Turismo e permitirá coñecer os principais espazos relacionados coa pegada sefardí no municipio.
Ese mesmo día, ás 18.30 horas, o Salón de Plenos do Concello acollerá a conferencia “O viño nos negocios dos xudeus galegos”, impartida por Gloria de Antonio Rubio. A xornada concluirá ás 20.30 horas na Igrexa de San Xoán cun concerto de Manseliña.
Ademais, o Museo Sefardí celebrará unhas xornadas de portas abertas durante toda a fin de semana. O sábado 17 poderá visitarse de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, mentres que o domingo 18 permanecerá aberto entre as 10.30 e as 14.30 horas.
A concelleira de Cultura e Turismo de Ribadavia, Yolanda Gómez, destaca que esta programación “propón diferentes maneiras de achegarse á historia sefardí de Ribadavia, combinando a divulgación histórica con experiencias gastronómicas, musicais e patrimoniais destinadas a públicos diversos”.
“A herdanza xudía forma parte da identidade histórica da nosa vila e constitúe tamén un dos seus principais valores culturais e turísticos. Queremos que esta semana sirva para coñecela mellor, percorrer os lugares nos que permanece viva e comprender a súa importancia dentro da historia de Galicia”, sinala a concelleira.
Sorteo da Xornada Europea da Cultura Xudía
Como complemento á programación, xa está aberto o prazo para participar nun sorteo promovido con motivo da Xornada Europea da Cultura Xudía 2026.
Para participar, será necesario facer unha fotografía na entrada do Museo Sefardí de Ribadavia e seguir as instrucións recollidas no cartel da iniciativa, accesibles tamén mediante o seu código QR. O prazo permanecerá aberto ata o 6 de outubro e as persoas participantes poderán optar a diferentes premios.
Yolanda Gómez anima tanto á veciñanza como ás persoas que visiten Ribadavia durante estes días a sumarse á proposta: “O sorteo é unha maneira sinxela e participativa de espertar o interese polo Museo Sefardí e convidar a descubrir un espazo fundamental para comprender a historia da vila”.
















