A UNED Sénior inicia o curso en Ourense con 260 matrículas

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 5 de outubro de 2026. A UNED Sénior en Ourense xa comezou o curso académico 2026-2027. Un ano máis cubriuse por completo o total de prazas ofertadas para persoas maiores de 55 anos neste programa de Formación Permanente da UNED. Nesta edición inscribíronse 116 persoas que suman 260 matrículas, unha cifra que mantén esta modalidade presencial como opción preferente entre os ourensáns.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O programa está coordinado pola profesora titora María Concepción Álvarez Gómez, tamén secretaria de UNED Ourense. O equipo docente está integrado por David Manuel Alvarado Roales, doutor en Ciencias Políticas pola USC e profesor asociado na Uvigo; Begoña Cádiz Rilo, técnica en Turismo en INORDE da Deputación Provincial de Ourense; Álvaro de Castro Palomares, licenciado en Medicina e doutor en Historia da Ciencia pola USC; Ángel Domínguez López, profesor axudante doutor en Historia da Arte na Uvigo; Miguel Guerra Rodríguez, profesor titor de Psicoloxía en UNED Ourense, licenciado en Psicoloxía e Filosofía; e Amado Tierra Lozano Ramírez, graduado en Xeografía e Historia, máster en Formación de Profesorado e doutorando en Protección do Patrimonio Cultural.

No primeiro cuadrimestre, o alumnado terá o seguinte programa:

  • Luns: de 16:30 a 18:15 h, Europa e España no mundo: Xeopolítica, poder e autonomía estratéxica, con David Manuel Alvarado Roales; de 18:30 a 20:30 h, Historia da arte gótica, con Ángel Domínguez López.
  • Xoves: de 16:30 a 18:30 h, Historia da Medicina, a cargo de Álvaro de Castro Palomares; de 18:30 a 20:30 h, Grandes personaxes e obras da historia do pensamento humano, con Miguel Guerra Rodríguez.

O primeiro cuadrimestre comezou o 28 de setembro de 2026 e finalizará o 1 de febreiro de 2027. As clases interromperanse entre o 21 de decembro e o 8 de xaneiro, ambos incluídos.

A UNED Sénior diríxese a maiores de 55 anos, con independencia da formación académica que posúan, interesados en enriquecer os seus coñecementos. Os seus obxectivos son ofrecer formación en temáticas de interese para mellorar a calidade de vida; proporcionar coñecementos, aprendizaxes e estratexias para o desenvolvemento integral e a autonomía persoal; favorecer a comunicación a través das relacións interpersoais e do encontro interxeracional; e proporcionar os elementos necesarios para un mellor coñecemento do contorno cultural.

A metodoloxía é presencial e, no caso ourensán, as sesións celébranse nas aulas do Centro Cultural Marcos Valcárcel. O modelo parte de que as persoas non aprenden só a partir da ensinanza, senón tamén da experiencia. Os métodos educativos apóianse nas potencialidades persoais e na experiencia personal e laboral dos participantes; en cada materia identifícanse os centros de interese segundo as motivacións e necesidades do alumnado, e foméntanse as actividades culturais.

Os cursos de UNED Sénior son programas non oficiais, de curta duración (30 horas) e sen requisitos de acceso. Ao completar un curso, o estudante ten dereito a un diploma acreditativo, sen carácter oficial, emitido e enviado polo propio Centro Asociado da UNED. Quen curse máis de 750 horas no programa poderá formar parte do colectivo UNED-Alumni.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O director de UNED en Ourense, Jesús Manuel García Díaz, amosouse “realmente satisfeito” polo éxito desta modalidade de ensinanza non oficial, “pero de gran interese para quen a cursa”, pola variedade de temas que os propios estudantes escollen cada ano. Destacou tamén que, ao rematar, poden integrarse en Alumni UNED, unha comunidade que busca ser punto de encontro entre compañeiros e espazo de relación coa universidade, ademais dunha rede de contactos nacionais e internacionais.

Poden formar parte da Comunidade alumniUNED: os egresados de títulos oficiais e títulos propios da UNED de máis de 30 créditos; o persoal da UNED (PDI, PAS, titoras e titores, e traballadores); os antigos estudantes que non finalizaron a titulación e cursaron máis de 30 créditos; os Amigos da UNED, é dicir, o resto de antigos estudantes con menos de 30 créditos cursados e empresas ou entidades con relación acreditable coa universidade; e os estudantes ou antigos estudantes de UNED Senior con 750 horas cursadas ou máis.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------