A iniciativa da Área de Igualdade que dirixe a deputada Teresa Barge pon o foco estes mes nun sector tradicionalmente masculinizado e recoñece a contribución das mulleres ao mantemento do rural e da actividade agrogandeira
Isaura de la Torre, gandeira de Recarei (Bande) por tradición familiar, xestiona na actualidade unha explotación con arredor de 130 vacas, 20 ovellas e tres cabalos
Ourense, 8 de outubro de 2026.
A campaña “8M, mes a mes”, impulsada pola Área de Igualdade da Deputación de Ourense que dirixe a deputada Teresa Barge, co obxectivo de prolongar durante todo o ano a reivindicación e a visibilización do papel das mulleres na sociedade, dedica o mes de outubro ás mulleres gandeiras, poñendo en valor o seu traballo e a súa contribución esencial ao mantemento da actividade económica e da vida no rural.
A protagonista elixida nesta ocasión é Isaura de la Torre, gandeira de Recarei (Bande), unha muller que leva toda a súa vida laboral vinculada profesionalmente ao coidado dos animais e que representa a tantas outras mulleres que desenvolveron o seu traballo no rural ourensán cunha dedicación poucas veces suficientemente recoñecida.
Isaura naceu no ano 1984 e desde o primeiro momento fixo da gandería a súa profesión. Na actualidade conta cunha explotación na comarca da Baixa Limia con arredor de 130 vacas, 20 ovellas e tres cabalos.
A súa vinculación coa gandería vén tamén da tradición familiar. A súa nai, Mari, xa se dedicaba ao coidado dos animais e Isaura continuou un camiño que converteu no seu modo de vida. Na explotación desenvolve unha actividade esixente que require dedicación diaria e na que, como ela mesma resume, “os animais dan moito traballo, pero tamén moitas satisfaccións”.
A través da súa experiencia, a campaña quere amosar tamén unha realidade que durante décadas permaneceu en boa medida invisible: o enorme peso das mulleres na economía rural, tanto no traballo directo nas explotacións como no coidado dos animais, das terras e das propias familias.
Para Isaura, estar cos animais é moito máis que unha profesión: “é un negocio, pero tamén unha forma de vida”. Un traballo no que non existen horarios convencionais e que esixe constancia diaria, “pois animais teñen que comer e estar coidados os 365 días do ano”. E non deixa de darlle un consello ás mulleres que serán as gandeiras do futuro: “que lle poñan moitas ganas e ilusión. Iso é o máis importante”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Con esta nova entrega de “8M, mes a mes”, a Deputación de Ourense continúa dando voz a mulleres da provincia vinculadas a diferentes ámbitos profesionais e sociais, reivindicando referentes femininos próximos e recoñecendo a mulleres que, como Isaura de la Torre, contribuíron co seu traballo a construír e manter vivo o territorio, tal e como explica a deputada de Igualdade, Teresa Barge.
A iniciativa pretende así que a reivindicación da igualdade non quede limitada á celebración do 8 de marzo, senón que permaneza presente durante todo o ano, achegando á cidadanía historias reais de mulleres ourensás e poñendo en valor profesións e ámbitos nos que o seu papel foi historicamente pouco visible.

















