O vindeiro venres 23 de outubro proxectarase no auditorio Manuel María do Carballiño a película norteamericana Omaha, un dos filmes máis destacados do ano. Dirixida por Cole Webley no que supón o seu debut na dirección, a cinta narra de forma conmovedora e chea de beleza a historia dunha familia que, tras unha traxedia, emprende unha viaxe polo país. Os irmáns Ella e Charlie e o seu pai percorren así un mundo novo mentres Ella comeza a comprender que as cousas poden non ser o que parecen.
A película, impactante e capaz de non deixar indiferente a ninguén, conta con interpretacións sobresaíntes de John Magaro e dos dous nenos que dan vida aos fillos, Molly Belle e Wyatt Solis. As proxeccións serán, coma sempre, ás 20:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22:30 horas en versión orixinal subtitulada (VOS). Desde a organización agradécese a colaboración do público.

















