- A obra é un thriller psicolóxico con elementos de comedia negra inspirado nas experiencias persoais da autora.
- A concelleira de Educación, Lorena Castro, destacou o valor da proposta e o apoio municipal á creación cultural da veciñanza.
O Carballiño, 23 de outubro de 2026. O salón de plenos do Concello do Carballiño acolleu esta mañá a presentación de Mi Luis no es un Vuitton, a primeira novela de Nakary Agüero, veciña do municipio.
A autora traballou durante moitos anos nunha tenda de gominolas da vila. A partir das súas vivencias persoais e das experiencias compartidas pola clientela, foi construíndo a historia que dá forma a esta primeira obra literaria.
Durante o acto, a concelleira de Educación, Lorena Castro, puxo en valor a proposta e trasladoulle á autora os seus mellores desexos. «Desexámoslle moitos éxitos e esperamos que esta sexa a primeira de moitas novelas», sinalou. Castro lembrou tamén que o Concello «está á disposición» da veciñanza para apoiar e dar difusión aos seus proxectos creativos.
Mi Luis no es un Vuitton é un thriller psicolóxico con toques de comedia negra, narrado en primeira persoa, que aborda a historia dunha muller adulta que atravesa un momento especialmente difícil da súa vida.
«O divorcio que vivín inspiroume para crear este libro. Para algunhas persoas servirá de espello ou de advertencia, ou descubriralles unha verdade», explicou Agüero. A escritora asegura que «hai moitas Nataly e moitos Luismi na rúa», polo que considera doado que o público lector poida sentirse identificado cos personaxes e coas situacións narradas.
A novela xa está dispoñible en Amazon, tanto en formato dixital como en papel, e tamén pode adquirirse na libraría Ábaco. A autora confía en que, durante as próximas semanas, o libro chegue a outros establecementos comerciais do Carballiño.
















