Beade, 23 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Beade denunciou este venres o “progresivo desmantelamento” do centro de saúde do municipio por parte do Partido Popular e alertou de que a falta de reposición da praza médica pode esconder a intención de pechar o servizo e obrigar a veciñanza a desprazarse a Leiro ou Ribadavia para recibir atención sanitaria.
A voceira socialista, Carmen Rama Cotelo, explicou que desde que a profesional que atendía o centro foi destinada ao centro de saúde do Couto, a atención en Beade quedou reducida á presenza da médica apenas un par de días á semana, sen que se producise unha reposición efectiva. Segundo indicou, no pleno de setembro o alcalde respondera que estaba pendente a incorporación dun médico que rematara a formación MIR, pero esa incorporación non se materializou.
A formación socialista sinala que aumentou a preocupación entre a veciñanza polas dificultades para conseguir citas en Beade. Nalgúns casos, as consultas están a ser derivadas a Leiro e as esperas prolónganse durante varios días, o que consideran especialmente grave nun municipio cunha poboación moi envellecida. Rama Cotelo subliñou que para moitas persoas maiores acudir ao médico noutro concello supón depender de familiares, terceiros ou taxis, con custos difíciles de asumir.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O PSdeG-PSOE tamén advertiu das consecuencias que pode ter a falta de persoal sanitario e puxo como exemplo un operario que sufriu un contratempo nunha empresa e que, ao non estar operativo o centro médico de Leiro naquel momento, tivo que desprazarse a Beade, onde finalmente lle salvaron a vida.
Ante esta situación, os socialistas esixen á Xunta de Galicia e ao Sergas a reposición inmediata da praza médica, unha cobertura asistencial suficiente e estable e garantías claras de que o centro de saúde non vai pechar. Así mesmo, reclaman ao alcalde que abandone a pasividade, dea explicacións públicas sobre as xestións realizadas e reclame solucións concretas ante a Xunta e o Sergas.
“Beade non pode aceptar que lle vaian quitando servizos pouco a pouco ata deixar o centro de saúde baleiro. O centro de saúde de Beade ten que seguir aberto, con persoal e con atención sanitaria digna”, concluíu Carmen Rama Cotelo.
















