Manuel Baltar presenta o seu decálogo de propostas “para empezar unha nova etapa de liderado do partido de Ourense”

Como único candidato á reelección na presidencia dos populares ourensáns

Partindo da planificación, previsión e anticipación, as medidas que formulou o candidato inclúen unha nova sede, maior conectividade coa sociedade a través das novas tecnoloxías, maioría feminina nos órganos de goberno, formación específica para os cargos públicos, un foro de debate aberto á sociedade, un comité de campaña permanente, un consello comarcal, unha convención anual municipal e unha campaña de afiliación

AVANTAR ACTIVIDADES

“Empezamos Ourense!”, acuñou Baltar como lema, afirmando que quere volver a presidir o partido máis importante da historia política da provincia, “onde hai forza dabondo, experiencia, xestión, compromisos acreditados e proxectos que transformarán a capital e a provincia, porque este é o momento de Ourense”

“O 26 de setembro, xusto dentro dun mes, temos unha cita política única coa formación máis importante da historia da provincia, para empezar, non seguir, unha nova etapa de liderado do que sen dúbida é partido de Ourense”, afirmou hoxe Manuel Baltar durante a presentación do decálogo de propostas que, como único candidato á reelección da presidencia do Partido Popular de Ourense, presentará no 18º Congreso Provincial que se celebrará na citada data no pavillón dos deportes Paco Paz.

Un decálogo “que fala de planificación, previsión e anticipación”, incluíndo unha nova sede, maior conectividade coa sociedade a través das novas tecnoloxías, maioría feminina nos órganos de goberno, formación específica para os cargos públicos, un foro de debate aberto á sociedade, un comité de campaña permanente, un consello comarcal, unha convención anual municipal e unha campaña de afiliación.

No parque botánico de Montealegre, coa cidade e os concellos da contorna á vista, Manuel Baltar subliñou a forza dun Partido Popular “que goberna en 61 concellos e a dous de cada tres ourensáns, na Deputación, e que achegou nas últimas eleccións, as autonómicas de 2020, o 53,11 % dos votos na provincia”. Un aval máis que suficiente dixo “para darnos conta da importancia deste proxecto político e para poñer de relevo a transcendencia da cita de setembro, na que imos falar de aspectos organizativos dunha formación que quere seguir liderando o futuro de Ourense nos próximos anos e mesmo decenios”.

“Empezamos Ourense!”, acuñou Baltar como lema, asegurando que “logo de 4.226 días á fronte do PP quero volver a presidir este partido, onde hai forza dabondo, experiencia, xestión, compromisos acreditados e proxectos que transformarán a capital e a provincia, porque este é o momento de Ourense”. “Ogallá houbera cen candidatos máis, pero son o único, e iso non supón acomodo, senón máis ilusión e ganas, preparado para unha campaña electoral interna en setembro, segundo fixa o regulamento do congreso, no que explicarei as miñas propostas”, engadiu.

DEZ PROPOSTAS PARA O NOVO MANDATO.

1.- Nova sede provincial. Tras décadas nas actuais instalacións, o PP estreará novas oficinas na Avenida de Bos Aires da capital “que será unha das sedes máis importantes do partido a nivel nacional, acollendo unha formación que nas últimas eleccións xerais de 2019 obtivo o mellor resultado de calquera partido en calquera provincia de España”.

2.- App “PP Ourense”. Calquera ourensán pode ser unha sede do Partido Popular, “polo que poremos en marcha unha App que marcará un antes e un despois no ámbito da accesibilidade dos cidadáns aos partidos políticos”.

3.- Nova web. Un espazo en internet máis interactivo e participativo, “ao servizo de Ourense e dos ourensáns, sexan ou non militantes, as 24 horas do día en calquera momento do ano”.

4.- Un partido feminino. Identificación coa sociedade actual na procura da igualdade real, “para seguir sendo a única formación en todo o territorio español que conta con maioría absoluta de mulleres no seu comité executivo”.

5.- Formación. Impulso á Escola de Formación Roberto Padilla, “para que os cargos públicos teñan acceso ás últimas novidades lexislativas ou administrativas que lles permita prestar o mellor servizo público”.

6.- Foro de debate popular. Aberto a toda a sociedade ourensá, coa participación de relatores de vangarda “para enriquecer o proxecto político coas achegas da sociedade, veña de onde veña, como formación política esponxa que somos”.

7.- Comité de campaña. O PP de Ourense sempre está activo, aínda fóra de procesos electorais, “polo que o comité de campaña vai ser permanente, porque a política, máis aló dos quince días de campaña electoral, é continua e esixe respostas inmediatas”.

8.- Consello comarcal. Un órgano con representantes do partido de todas as comarcas e con reunións periódicas “que nos permitan coñecer a realidade máis actual de cada un dos territorios da provincia”.

9.- Convención anual municipal. Os activos máis importantes do partido son os concelleiros e concelleiras, estean no goberno ou na oposición, “que requiren dunha gran cita anual para celebrar a súa representación, recoñecer o seu traballo, e para reforzar os nosos valores e principios: o reformismo, o galeguismo, o centrismo, o municipalismo e mailo europeísmo”.

10.- Campaña de afiliación. O Partido Popular de Ourense é a formación co cociente de afiliados por habitante máis importante de España “e queremos que siga así, poñendo en marcha unha gran campaña permanente para atraer a máis persoas, porque todos somos necesarios, e este é o momento da política e todos temos algo que achegar”.