O Concello do Carballiño propón un menú musical local e internacional para rematar a intensa programación cultural do mes de agosto. “Despois de dúas semanas de actividades de todo tipo, aínda nos quedan citas moi esperadas pola poboación como son as Xornadas de Folclore”, explica Diego Fernández, concelleiro de Cultura.
O venres, día 14, celebrarase a feira do Carballiño, xa que o 16 é domingo e o 15, festivo. Ademais de compras e gastronomía, a cita contará a partir das 11,00 horas coa animación musical polas rúas do Grupo de Música Tradicional do Carballiño.
O ciclo ‘Feito no Carballiño’, iniciado o pasado mes de xullo, continuará esta fin de semana cunha cita triple. O venres, o público poderá desfrutar na Praza da Veracruz, a partir das 20,00 horas, da actuación de rock e metal da banda emerxente The Crowd, formada recentemente na vila por un grupo de mozas. Tralo seu concerto, ás 20,30 horas, subirán ao escenario os coñecidos Susie Q’s, que farán bailar aos espectadores co seu rock and roll.

O sábado, día 15, o ciclo musical continuará con Skadelos e a súa proposta de pop-rock e ska. O grupo, que publicará proximamente novo disco, vén de gañar o premio Onda Chicha na Sala Capitol de Santiago de Compostela. A cita terá lugar na Praza da Veracruz ás 20,30 e ás 21,30 horas.

Xa o domingo, día 16, as prestixiosas Xornadas de Folclore da Deputación Provincial visitan O Carballiño con tres grupos: Folk Dance Group ‘Tucovic’ (Serbia), Elenco Ñukanchik (Ecuador) e Yitzy Folk Dance Theatre (Taiwán). O concerto, no que o público desfrutará de danza e música tradicional dos tres países participantes, comenzará ás 22,30 horas e levarase a cabo na Praza da Veracruz.
A programación musical prosegue o luns 31 de agosto, día de feira, coa animación do Grupo de Música Tradicional do Carballiño polas rúas da vila a partir das 11,00 horas.
Outras actividades
Ademais de música, a programación tamén inclúe teatro, pintura e fotografía. O grupo local Dar Trela Teatro continúa coa representación do cluedo “Asasinato no muíño”, unha divertida proposta na que o público está convidado a participar. As funcións realizaranse todos os venres e sábados do mes, ás 20,30 horas, no Museo Etnográfico do Carballiño. As entradas custan 8 euros e pódense reservar a través do WhatsApp 645 167 278 e 600 829 089.
Por outra banda, pódense visitar as exposicións promovidas pola asociación fotográfica O Potiños: PotiExpo’25 na Casa do Concello; Branco/Negro de Potiños (Casino); Pon unha foto na rúa (Edificio Ramón); Marruecos de Potiños (Asador Vera Cruz); Mosteiro de Oseira (no Café Plaza e no Hotel Arenteiro); Seve Viaje (Galerías Ango); Recunchos das aldeas (Balneario do Carballiño); Concurso 25 (Cafetería Manxares) e Detalles da Vera Cruz (Cafetería Amelie).
Ata o domingo, día 16, tamén se pode visitar a mostra “Comedy Wildlife” da Fundación Abanca na Praza Emilia Pardo Bazán e exposición de pintura de Julio Calvo e José Moleiro na sala de exposicións do Auditorio Municipal.


















