O Concello do Carballiño, a través da Área de Cultura, oferta un curso máis clases de ritmos latinos, baile moderno, zen core, zumba e formación teatral. A Escola Municipal de Danza e a Escola Municipal de Teatro prepáranse para abrir as súas portas ao alumnado despois dos meses de descanso estival. “Animamos á veciñanza de todas as idades a probar e desfrutar das artes escénicas, é unha moi boa oportunidade para formarse, divertirse e coñecer xente”, explica Diego Fernández, concelleiro de Cultura.
As clases comezarán o 5 de outubro e estenderanse durante todo o curso escolar 2026/2027. A Escola de Danza oferta unha ampla variedade de disciplinas: ritmos latinos (iniciación e perfeccionamento), baile moderno (pensada para mocidade e infancia), zen core (combinación de forza, equilibrio e mobilidade) e zumba (actividade física e baile).
As inscricións, que deben realizarse no departamento de Cultura da Casa do Concello, abriranse o 18 de setembro. “A Escola dá a posibilidade de acudir a unha clase sen ningún compromiso, para que todas aquelas persoas que dubidan teñan a oportunidade de probar”, detalla Fernández.

Pola súa parte, a Escola de Teatro ofrece tres niveis de formación (infantil, iniciación e perfeccionamento) nos que o alumnado poderá aprender e desenvolver a súa creatividade, gañar confianza e, sobre todo, gozar do teatro. As matrículas xa están abertas e pódense formalizar nas oficinas do departamento área de Cultura, no segundo andar da Casa do Concello.















