O Grupo de Acción Feminista do BNG do Ribeiro reinvidica o 25N cun acto para a eliminación da violencia contra as mulleres.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O vindeiro sábado, 23 de novembro, o Grupo de Acción Feminista do BNG do Ribeiro organiza un acto conmemorativo polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O evento terá lugar no Local Social da Madalena, en Ribadavia, ás 19:00 horas, e contará coa participación da actriz Grial Montes e da autora Montse Fajardo.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O acto centralizarase en “O Relato de Sara,” unha dramatización baseada nun dos casos recollidos no libro Invisibles, de Montse Fajardo, onde a actriz Grial Montes dará vida a esta poderosa historia. Invisibles é unha obra que presenta oito casos reais de maltrato, en forma de relato, coa finalidade de visibilizar a experiencia de mulleres que, ao longo das súas vidas, sufriron calquera tipo de violencia sen atopar apoio ou recoñecemento social. Sara, unha das protagonistas, narra a súa historia desde unha perspectiva máis adulta, comprendendo o calvario que viviu en idades temperás e o silencio social que rodeaba este tipo de violencia na súa mocidade.

Montse Fajardo, autora comprometida coa memoria das mulleres silenciadas, estará presente no acto para un coloquio posterior, onde abordará o seu traballo de recuperación da memoria histórica das mulleres galegas, así como a importancia de visibilizar a violencia de xénero en todas as súas formas. Ao finalizar o coloquio, ofrecerá unha sinatura de libros para as persoas asistentes.

Grial Montes, actriz titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, é tamén coñecida por protagonizar a película María Solinha, de Ignacio Vilar, e por impartir obradoiros de teatro. Pola súa parte, Montse Fajardo, autora tamén de Matriarcas, colabora con medios de comunicación e traballa como técnica en varias institucións, entre elas a Deputación de Pontevedra.

Este evento, organizado polo Grupo de Acción Feminista do BNG do Ribeiro, reafirma o compromiso pola erradicación da violencia machista e convida á cidadanía a reflexionar sobre esta realidade e a implicarse na loita por unha sociedade libre de violencias.

Data: Sábado, 23 de novembro de 2024

Hora: 19:00h

Lugar: Local Social da Madalena, Ribadavia