Noa Presas, “A Consellaría e a Xerencia teñen que abandonar a soberbia e escoitar as demandas dun persoal sanitario esgotado que precisa reforzar as contratacións e mellor organización”
A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, trasladou ao Parlamento Galego a situación de colapso recorrente das urxencias do CHUO que están a denunciar nas últimas semanas desde a Comisión de Centro e o persoal de enfermaría.
Segundo Presas “compartimos a preocupación dun persoal sanitario esgotado e que agora sofre unha sobrecarga asistencial que ten a súa orixe nunha atención primaria tamén saturada que fai que nesta sexta ola, ao non reforzarse os servizos, haxa moitas persoas que non teñen outra opción que acudir ás urxencias”
Ademais, o BNG alerta de que “xa no mes de setembro o persoal mobilizouse reclamando o reforzo de contratacións e unha mellor organización, pois os itinerarios e a distribución dos espazos non son as idóneas”. Para Presas “é preocupante que os doentes, en moitos casos persoas de idade moi avanzada, teñan que soportar horas de espera e que ademais estas aumenten se precisan ambulancia para o transporte ante a alta demanda”.
Para o BNG “non é asumible que despois de dous anos de pandemia e de aprendizaxe se vexan camillas nos corredores e que o persoal siga forzado a un esgotamento mental e físico continuo como se fosen de goma, polo que demandamos da Consellaría e da Xerencia que sexan humildes e dialoguen, que haxa unha mesa de negociación para acordar os reforzos de persoal necesarios para dar cobertura á atención de urxencias”.
Así mesmo, o BNG remarca que esta situación ten a outra cara na saturación da primaria, con esperas de máis dun mes para realizar unha analítica de sangre e de varios días para ter unha cita telefónica, polo que seguen insistindo en impulsar un Plan de choque que permita un investimento urxente de 200 millóns de euros adicionais a nivel galego, que permita contratar máis persoal e dotar de máis medios a atención primaria.