O tradicional pulpo á feira volveu brillar na Fiera del Folpo de Noventa Padovana, a vila italiana irmandada co Carballiño desde 2024. A celebración, que arrancou o pasado xoves e remata hoxe, congrega na localidade a milleiros de persoas arredor do pulpo, o seu plato tradicional, e a música.
A concelleira de Servizos Sociais e pulpeira, Silvia Baranda, desprazouse ata Noventa Padovana para cociñar o pulpo á feira e dar a coñecer a gastronomía da vila do Arenteiro. A proposta contou cunha moi boa resposta do público, ao igual que na edición do pasado ano, cando tamén participaron pulpeiros do Carballiño na Fiera del Folpo.
A unión entre O Carballiño e Noventa Padovana non deixa de reforzarse desde 2024 co obxectivo de defender a importancia da gastronomía como patrimonio e parte fundamental da identidade dos pobos. Neste 2026, unha delegación italiana tamén participou na Festa do Pulpo, onde contou co seu propio posto de pulpeiros para dar a coñecer a súa gastronomía. “Estamos moi agradecidos de todo o que nos está aportando este irmandamento: unión, promoción e apoio mutuo”, destaca Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.

















