Un investimento de 150.000 euros permitirá a renovación do pavimento e da rede de pluviais na área industrial

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño renovará o pavimento do Parque Empresarial e executará un novo tramo da rede de evacuación de augas pluviais da zona. A intervención, valorada en 150.000 euros, conta cunha subvención de preto do 80% do investimento por parte da Xunta. O proxecto pon de manifesto a aposta do goberno local polo espazo industrial, principal motor económico e de emprego da comarca. “Esta obra mellorará notablemente o día a día das moitas empresas e traballadores do noso Polígono, xa que a reparación dos pavimentos era unha demanda moi reiterada polo sector”, destaca José Castro-Gil, alcalde en funcións.

A actuación inclúe a pavimentación de preto de 6.500 metros cadrados do polígono repartidos entre calzadas, accesos e rúas interiores da área industrial. Actualmente, o firme presenta irregularidades e fochancas debido ao tráfico de vehículos pesados, polo que a intervención mellorará a seguridade viaria do espazo. “Trátase dunha actuación necesaria para facilitar o transporte diario de traballadores e mercadorías”, resalta Castro-Gil, que esta mañá se desprazou ata o Parque Empresarial para explicar o proxecto á Asociación de Empresarios da Área Industrial do Carballiño (AICA). O alcalde en funcións reuniuse con Manuel Carballeda, presidente da entidade, e Ana Ferradás, integrante da entidade, a quenes detallou as actuacións previstas.

Ademais da renovación de pavimentos, a intervención tamén contempla a execución dun novo tramo da rede de evacuación de augas pluviais da zona. “Había zonas de acumulación de auga que comprometían a seguridade viaria”, sinala Castro-Gil. Nesa liña, instalarase unha nova canalización que facilitará o desaugadoiro das chuvias.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------