O BNG esixe a cobertura urxente da praza de matrona no Centro de Saúde de Ribadavia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O BNG vai defender no pleno municipal de hoxe 29 de outubro unha moción para esixir á Xunta que garanta a atención ás mulleres embarazadas e ás familias do Ribeiro no punto de atención continuada (PAC) de Ribadavia, centro que presta servizo aos dez concellos da comarca.

O BNG de Ribadavia leva ao pleno municipal deste xoves, 29 de outubro, unha moción de urxencia para esixir ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) a cobertura urxente da praza de matrona en Ribadavia, que quedou vacante no día de hoxe logo de que onte 28 de outubro se producira a xubilación da profesional que desempeñaba este servizo, sen que se producise a súa substitución. Esta situación pon en risco a continuidade dunha atención sanitaria esencial, especialmente para as mulleres embarazadas e as familias do Ribeiro, que precisan acompañamento e seguimento durante o embarazo, información sobre saúde sexual e reprodutiva e atención relacionada co parto, o puerperio e os coidados iniciais das crianzas.

A formación nacionalista considera que a atención sanitaria pública debe prestarse con garantías de continuidade, proximidade e calidade, independentemente do lugar de residencia. Neste sentido, lembra que a falta de cobertura dunha praza por xubilación é unha circunstancia previsible que debe terse en conta na planificación dos recursos humanos do SERGAS, evitando interrupcións nos servizos asistenciais. A moción insta á Consellaría de Sanidade e á Xerencia da Área Sanitaria de Ourense a proceder, coa máxima urxencia, á cobertura da praza de matrona do centro de saúde de Ribadavia. Así mesmo, reclama a adopción de medidas provisionais que garantan a atención ás usuarias mentres non se faga efectiva a substitución, evitando demoras inxustificadas e déficits no seguimento dos procesos asistenciais.

O BNG tamén esixe ao Concello que se dirixa á Xerencia do SERGAS a fin de demandar información sobre as previsións para a cobertura da praz de matrona e o restablecemento da prestación ordinaria do servizo. Non se pode normalizar a perda de servizos sanitarios de proximidade nin deixar as usuarias sen unha atención adecuada por falta de previsión.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------