A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na súa sesión ordinaria desta semana subvencións e ratificou convenios con achegas provinciais por un importe total de 1.464.178,92 euros, incluídos compromisos de financiamento plurianual, para actuacións nos ámbitos da cooperación municipal, a cultura, a conservación do patrimonio, o deporte e a atención social. Entre os asuntos incorporados fóra da orde do día figuran dous convenios de colaboración cos concellos de Esgos e O Pereiro de Aguiar, que suman 741.607,20 euros de financiamento provincial para actuacións en instalacións deportivas municipais.
No caso de Esgos, ratificouse o convenio para o financiamento e execución do proxecto do campo de fútbol de Rocas, cun orzamento total de 549.008 euros. A Deputación achegará 494.107,20 euros, o 90 % do investimento, distribuídos en tres anualidades: 150.000 euros en 2026, 170.000 euros en 2027 e 174.107,20 euros en 2028. O financiamento municipal ascende a 54.900,80 euros.
Pola súa banda, o convenio co Pereiro de Aguiar regula o financiamento e execución da substitución do céspede artificial no campo de fútbol da Carabina, cun orzamento de 275.000 euros. A achega provincial será de 247.500 euros, tamén o 90 % do custo, repartidos entre 120.000 euros en 2026 e 127.500 euros en 2027. Ao concello correspóndelle un financiamento de 27.500 euros. Ambos os convenios establecen que os concellos asumirán a contratación das obras e a súa execución conforme á normativa de contratación pública.
No ámbito do patrimonio, aprobouse unha subvención de 275.000 euros á Diocese de Ourense, destinada ao mantemento, conservación, restauración, difusión e divulgación do patrimonio cultural de titularidade eclesiástica situado na provincia.
A Xunta de Goberno ratificou o convenio de colaboración entre a Deputación e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no Campus de Ourense, asinado o pasado 2 de outubro, e aprobou a correspondente subvención de 220.000 euros para o ano 2026. A programación abrangue cursos e obradoiros de extensión universitaria, exposicións, roteiros culturais, formación teatral estruturada en tres niveis, colaboración na organización da MITEU e actividades do coro do campus. Entre as propostas figura tamén un curso de audiovisual organizado pola Fundación Carlos Casares. O convenio inclúe, ademais, 60.000 euros para o programa de apoio a grupos de investigación do Campus de Ourense, INOU 2026, e 14.000 euros para apoiar a mobilidade estudantil a través das bolsas Erasmus+.
No apartado teatral, aprobouse unha subvención de 45.000 euros a Sarabela Teatro para a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) e o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), correspondentes ao exercicio 2026.
A sesión incluíu tamén 128.571,72 euros en subvencións para tres concellos. Toén recibirá 51.311,72 euros para financiar a achega municipal correspondente ao acordo de cooperación subscrito coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para a realización de obras en materia de urbanismo. Pola súa banda, Pontedeva contará con 70.000 euros para a humanización na aldea de Deva. O Concello de San Xoán de Río recibirá 7.260 euros para a organización dunha proba puntuable para a Liga da Moto de Campo 2026. Segundo a memoria municipal, a actividade prevé reunir pilotos de Galicia e doutras comunidades autónomas, con percorridos habilitados para a competición e medidas de seguridade e protección da contorna natural.
A subvención cobre o orzamento presentado para a proba, que inclúe asistencia sanitaria, cronometraxe, persoal de apoio, seguros, sinalización e servizos de organización. A memoria establece entre os seus obxectivos promover a práctica deportiva no medio rural e favorecer a actividade da hostalaría, do comercio e dos servizos locais mediante a afluencia de participantes e público.
Na mesma sesión ratificouse a addenda ao convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello dos Blancos para o financiamento e execución do proxecto de construción da piscina municipal. Tamén se acordou desestimar a solicitude de modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais, CooperOU 2026, relativa a actuacións no Concello de Amoeiro.
No apartado social, aprobouse unha subvención de 50.000 euros á entidade Por Eles TEA, destinada ao financiamento da amortización do préstamo e dos gastos derivados da adquisición do seu local, correspondentes aos exercicios 2025 e 2026. Finalmente, o Club Carballiño Fútbol Sala recibirá 4.000 euros para o programa de seleccións comarcais 2025-2026.
















