- Ana Méndez Gil, Miguel Santalices e Roberto González protagonizaron o primeiro mitin da campaña na Asociación de Veciños Portovello, onde defenderon a necesidade dun cambio de rumbo en España e animaron os ourensáns a encher as urnas de votos ao Partido Popular o próximo 29 de novembro
Ourense, 13 de novembro de 2026.
O Partido Popular celebrou na Asociación de Veciños Portovello, no barrio de As Lagoas, o seu primeiro mitin de campaña na cidade de Ourense, un encontro no que participaron o candidato ao Senado e presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o candidato ao Congreso dos Deputados, Roberto González; e a presidenta da Xestora Local do PP de Ourense, Ana Méndez Gil.
Primeiramente, Méndez Gil deu a benvida aos asistentes e presentou con orgullo o equipo de candidatos que representa o proxecto de cambio de Alberto Núñez Feijóo. Durante a súa intervención, a presidenta da Xestora Local advertiu de que “despois de oito anos de Pedro Sánchez, os españois pagan cada vez máis e reciben cada vez menos, mentres temos un Goberno incapaz de aprobar uns orzamentos, instalado na confrontación e rodeado de escándalos”. “Xa abonda! España non pode seguir así!”, destacou.
A popular apelou tamén á responsabilidade especial de Ourense nesta cita electoral: “Somos a provincia do futuro presidente do Goberno de España! Temos o equipo, temos o proxecto e temos a oportunidade de facer historia. Non lle podemos fallar!”.
Pola súa banda, Roberto González, candidato ao Congreso dos Deputados reivindicou a súa ilusión e compromiso con esta nova etapa. “Hoxe debuto nun mitin político e recoñezo que sinto ese mesmo formigueo que sentía antes dun partido importante. Cambia o escenario, pero non as ganas de dar o mellor de min e de axudar a promover o cambio”, afirmou.
González defendeu unha política baseada no diálogo, nos argumentos e na boa xestión. “Creo no poder da palabra para unir e no poder dos datos para demostrar. España necesita menos polarización, máis argumentos e un bo xestor. E o mellor xestor é o noso futuro presidente, Alberto Núñez Feijóo”, sinalou. Ademais, puxo en valor o compromiso de Feijóo coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, reclamando recoñecemento, medios suficientes e seguridade xurídica para os profesionais que protexen os cidadáns.
Por último, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, trasladou o seu orgullo por encabezar a candidatura ao Senado e poder seguir defendendo os intereses de Galicia e de Ourense desde Madrid. Reivindicou ademais a necesidade de recuperar a estabilidade e o equilibrio institucional e defendeu que España precisa unha auténtica reconstrución nacional.
“É un orgullo formar parte do equipo de Alberto Núñez Feijóo e ter a oportunidade de seguir traballando desde o Senado. España non pode seguir á deriva. Necesitamos recuperar o equilibrio institucional, gobernar con cabeza e poñerlle sentidiño á política. E quen mellor para facelo que un ourensán como Alberto Núñez Feijóo”, destacou Santalices.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ademais, Miguel Santalices anunciou que unha das súas prioridades desde o Senado será traballar para conseguir que o termalismo se incorpore á carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde, reivindicando o seu valor terapéutico e a importancia de impulsar o seu recoñecemento sanitario. Neste sentido, destacou que o termalismo é un recurso estratéxico para Ourense, tanto pola súa contribución á saúde e ao benestar como polas oportunidades de desenvolvemento económico que representa para a provincia.
O mitin concluíu cunha chamada á mobilización de afiliados, simpatizantes e veciños para encher as urnas de votos ao Partido Popular o próximo 29 de novembro, facer presidente a Feijóo e conseguir o cambio que España necesita.

















