A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, pediu unha oportunidade de catro anos para facer historia e rematar con case 50 anos de bipartidismo estéril en Ourense. Nun encontro coa veciñanza do Carballiño, apelou a concentrar o voto no BNG para cambiar o guión e conseguir os avances que PP e PSOE ignoraron durante décadas a pesar de ter contando con representación en Madrid: “pasan o Padornelo e sempre se esquecen de Ourense”.
Durante o encontro participaron o tamén candidato do BNG, Manuel Caíña, e o candidato do BNG á alcaldía do Carballiño nas vindeiras eleccións municipais, Manuel Chan.
“Pedimos unha oportunidade de catro anos fronte a case 50 anos onde PP e PSOE se foron repartindo a representación sen que iso se traducise nas melloras que precisa Ourense. Catro anos para marcar a diferenza, defender os intereses das e dos ourensás e demostrar que hai outra maneira de facer as cousas” afirmou Presas.
A candidata situou entre as prioridades para O Carballiño o impulso do ferrocarril, tanto para mellorar a conexión coa cidade de Ourense como para recuperar as comunicacións co resto de Galiza. Neste sentido, explicou que o primeiro escano do BNG por Ourense “defenderá a implantación dun metro lixeiro en superficie que conecte a vila coa capital e facilite o acceso a servizos sanitarios, universitarios e administrativos, así como ás zonas industriais”.
Ademais, comprometeuse a impulsar a recuperación das conexións ferroviarias co resto do País, aproveitando as vías existentes que, segundo denunciou, PP e PSOE condenaron ao desmantelamento e ao abandono durante anos.
Por outra parte, Presas sinalou a necesidade de mellorar a N-541 e construír a circunvalación do Carballiño, dúas actuacións fundamentais para incrementar a seguridade viaria, mellorar a mobilidade e reducir o tráfico de paso polo núcleo urbano.
“O Carballiño necesita investimentos e solucións, non máis promesas incumpridas. Queremos levar ao Congreso unha voz propia que traballe para conseguir avances concretos para a vila e para todo Ourense” asegurou.
Presas concluíu facendo un chamamento a concentrar o voto no BNG o 29N: “Ourense ten a oportunidade de facer historia. Pedimos catro anos para marcar a diferenza fronte a case 50 anos de bipartidismo e para demostrar que, cando hai unha voz que defende o noso, as cousas poden cambiar”.
















