Presas: “Fagamos historia este 29N co 1º escano do BNG para defender, negociar e conseguir futuro para Ourense”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, fixo un último chamamento nesta campaña electoral para concentrar o voto na papeleta do BNG co obxectivo de “facer historia este 29N e conseguir o primeiro escano por Ourense” que permita sacar do abandono ao que as forzas estatais a sumiron durante estes preto de 50 anos. Presas cualificou esta campaña como “intensa e emocionante” onde puido comprobar unha corrente de simpatía crecente cara ao BNG e asegurou que están a disputarlle o último escano ao Partido Popular.

Presas subliñou a oportunidade histórica que supón para Ourense estas eleccións do 29N para contar cunha voz propia no Congreso capaz de defender os seus intereses, negociar e conseguir avances para as maiorías sociais: “en Ourense non hai que votar mal maior ou mal menor porque aquí está o BNG” reivindicou.

Así mesmo, destacou a necesidade de abrir un tempo novo despois de preto de 50 anos de bipartidismo estéril e de representación das forzas estatais, ás que responsabilizou de manter Ourense nunha situación de abandono. “Levamos demasiado tempo agardando por solucións que nunca chegan. Ourense precisa unha representación que non se conforme, que non vaia a Madrid simplemente ocupar un escano, senón que vaia defender, negociar e conseguir resultados para a nosa xente” afirmou.

“O voto útil é o que te defende, é o que defende Ourense e coñece esta parte do territorio. O útil é ir a Madrid a defender os intereses dos e das ourensás” reivindicou Noa Presas neste peche de campaña. “A min ninguén me vai calar no Congreso na defensa dos ríos, de infraestruturas dignas, na defensa do metro lixeiro e no que é xusto e positivo para as e os ourensás” subliñou.

A candidata cualificou a campaña electoral de “intensa e emocionante”, en que percorreu o todo o territorio e puido comprobar unha corrente de simpatía cara ao proxecto do BNG. “Atopamos moitas persoas que nos trasladan ilusión, que queren un cambio e que saben que Ourense merece moito máis. Hai unha onda de apoio ao BNG que se está facendo notar” sinalou.

Neste sentido, Presas asegurou que o BNG está a disputar o último escano ao Partido Popular e subliñou que cada voto será determinante. “Estamos en condicións de facer historia. Imos sacarlle o escano ao PP e conseguir que Ourense teña por primeira vez un escano do BNG no Congreso” manifestou.

Por iso, a cabeza de lista do BNG insistiu en que a oportunidade de conseguir representación propia pasa por concentrar o voto na candidatura do BNG. “Non podemos deixar escapar esta oportunidade. Pídolle á xente que confíe en nós, tamén a quen nunca nos votou, porque temos por diante catro anos para demostrar que se poden facer as cousas doutra maneira” concluíu.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------