O PP comprométese a dotar de máis medios ás Forzas de Seguridade con Núñez Feijóo de presidente do Goberno

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A candidata número un ao Congreso dos Deputados por Ourense e secretaria nacional de Interior do Partido Popular, Ana Vázquez, mantivo un encontro con representantes de sindicatos policiais e de asociacións profesionais da Garda Civil para abordar os retos actuais da seguridade cidadá e trasladar as propostas da formación de cara ás eleccións xerais deste domingo.

Durante a xuntanza, a popular destacou o papel esencial que xogan estes colectivos na mellora das condicións laborais e operativas dos corpos policiais. “Non podía pechar esta campaña electoral sen reunirme con quen estivo sempre ao meu carón na defensa dos axentes, como son os sindicatos policiais e as asociacións da Garda Civil”, sinalou Ana Vázquez.

Na reunión analizouse a necesidade de dotar os corpos de seguridade de maiores medios materiais, humanos e xurídicos fronte ás dificultades crecentes que afrontan no seu día a día. Vázquez puxo en valor o labor parlamentario desenvolvido polo PP na Cámara Baixa ao longo das últimas lexislaturas e vinculou esa folla de ruta ao programa electoral co que concorre Alberto Núñez Feijóo.

“A eles debémoslles boa parte do traballo realizado no Congreso e un programa electoral pensado para respaldar de verdade a quen coida de nós cada día”, afirmou a candidata, quen engadiu que a chegada de Feijóo á Presidencia do Goberno suporá “un cambio de rumbo necesario para facilitar o labor diario, tan complexo e exixente, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”.

Finalmente, Ana Vázquez reiterou o apoio sen fisuras do Partido Popular a todos os integrantes da Policía Nacional e da Garda Civil, reivindicando o seu papel como garantes do Estado de dereito: “Estamos con todos os policías e con todos os gardas civís; defendelos a eles é protexernos a todos os españois”, concluíu.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------