Ribadavia abre o Nadal ao grande co mercado ‘Artesanía, Saber e Sabor’ e o acendido do alumeado artístico

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribadavia dará a benvida ao Nadal o sábado 5 de decembro coa terceira edición da ‘Feira Artesanía, Saber e Sabor’ e o acendido do alumeado na Praza Maior. Durante os catro días da ponte, a feira converterá a vila no epicentro da artesanía e dos produtos gastronómicos, cun percorrido por catro espazos nos que a veciñanza e as persoas visitantes poderán descubrir e mercar as propostas da feira.

A ‘III Feira Artesanía, Saber e Sabor’ abrirá o sábado ás 11,00 horas e prolongarase ata o martes 8 de decembro.

Na primeira xornada da feira, a Praza Maior será tamén o punto de encontro para o acendido das luces, previsto para as 18,00 horas. O Concello amplía un ano máis o alumeado de Nadal, que nesta edición se estenderá a cinco rúas máis e sumará arredor de 6.000 luces. A xornada inaugural pecharase coa actuación de DR. SLUMP, ás 20,00 horas diante do castelo.

O 5 de decembro tamén abrirá ao público o belén de Julio Dabarca na igrexa de Santiago. Poderá visitarse ata o 6 de xaneiro, de 11,00 a 13,00 horas e de 17,00 a 19,00 horas.

Música, teatro e obradoiros durante decembro

A programación continuará o 11 de decembro co concerto de acordeóns de Bieito Blanco, ás 19.30 horas na igrexa de San Xoán. O día 12 celebrarase unha cata de espumosos ás 19.00 horas e o día 13, á mesma hora, a Xove Orquestra Ourensanía actuará na Casa da Cultura.

O 17 de decembro, ás 17.00 horas, o alumnado do Conservatorio Municipal visitará o Asilo Nosa Señora dos Anxos. O día 18 haberá un obradoiro gratuíto de coroas de Nadal, «Arte e Viño», ás 17.00 horas na sala de catas de Adega Docampo, con inscrición en cultur aribadavia@gmail.com. Ás 20.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a exhibición de baile moderno de María Chousal.

A obra Aquí as fabas, as caldeiras representarase o 19 de decembro ás 19.30 horas na Casa da Cultura. O día 20, ás 18.30 horas, a Coral do Club Artístico ofrecerá un concerto na igrexa de San Xoán. O Festival da Escola de Música e do Conservatorio Municipal celebrarase o día 21 ás 20.00 horas na Casa da Cultura, onde tamén terá lugar o concerto de Nadal da Banda A Lira o día 26, ás 17.30 horas.

O Apalpador, Papá Noel e os Reis Magos percorrerán a vila

Papá Noel visitará os colexios o 21 de decembro ás 11.00 horas. Na véspera de Nadal, o Apalpador percorrerá as rúas de Ribadavia a partir das 12.30 horas e, ás 17.30 horas, será a quenda de Papá Noel e do Grinch.

Durante as vacacións escolares, Concilia no Nadal desenvolverase do 22 de decembro ao 8 de xaneiro no antigo colexio Alameda, de 8.30 a 14.00 horas. O Ribanadal terá lugar do 22 de decembro ao 4 de xaneiro no pavillón de Maquiáns, de 17.00 a 20.00 horas.

Xa en xaneiro, a Casa da Cultura acollerá o concerto de Marty’s Band o día 2, con apertura de portas ás 19.00 horas, e unha sesión de cine de Nadal o día 4, ás 17.00 horas. A Cabalgata dos Reis Magos sairá do instituto o 5 de xaneiro ás 18.00 horas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------