O BNG denuncia que o novo procedemento aberto para a adxudicación da explotación da Praza de Abastos da Ponte adolece das mesmas irregulariedades que os procesos anteriores

O candidato do BNG Luís Seara adianta que “unha vez conformemos o novo goberno, revisaremos todos e cada un dos procedementos administrativos abertos xa que a día de hoxe todo, no Concello de Ourense, está baixo sospeita”

Ourense, 26 de maio de 2023. Unha das primeiras promesas do actual rexedor Gonzalo Jácome foi a de abrir a Praza de Abastos da Ponte en 90 días e que se non se fixera antes fora pola falta de dilixencia do Goberno anterior.

AVANTAR ACTIVIDADES

O candidato do BNG lémbroulle esta mañá, logo de que o Concello anunciase que ao novo procedemento de licitación aberto, é a terceira vez que se tenta adxudicar,presentáronse un total de tres ofertas. “Agora parece que lle entraron as presas por adxudicar algo que dixo ía facer en apenas 90 días o que demostra que foi un incapaz ao longo do presente mandato, algo apreciable non soamente con esta cuestión senón tamén no resto da súa xestión pois seguimos sen solución aos contedores soterrados e as concesións administrativas seguen caducadas entre outras”.

Seara tamén deixou claro, visto o perfil das tres ofertas presentadas que “o modelo que se pretende instaurar dista moito do que propoñemos desde o BNG xa que ao final parece que o sector da restauración pretende imporse nun espazo pensado e deseñado para a venda de produtos, algo propio das Prazas de Abastos”.

Na formación nacionalista defenden un modelo no que “teñan cabida aquelas propostas para a venda de produtos de proximidade e km 0 que favorezan a produción propia e das zonas rurais do Concello, algo que fomentaremos a través do noso proxecto ComeOurense, pois entendemos que ese ten que ser o modelo a implementar na Praza de Abastos da Ponte”.

O candidato do BNG tamén amósase receloso en canto a que o procedemento administrativo posto en marcha para a licitación e posterior adxudicación da explotación do recinto, “adolece das mesmas irregulariedades xa manifestadas pola Intervención municipal nos procedementos seguidos con anterioridade e que agora, volve pór enriba da mesa”.

Ditas irregulariedades teñen que ver co incumprimento no prazo de duración das concesions de servizos, coa incorrecta determinación dos criteiros de adxudicación do contrato, con deficiencias no relativo á solvencia esixida e o canon así como con graves eivas na conformación do propio expediente.

Seara adianta que “unha vez conformemos o novo goberno, revisaremos todos e cada un dos procedementos administrativos abertos xa que a día de hoxe todo, no Concello de Ourense, está baixo sospeita”.