Xunta e viticultores analizan os efectos da declaración de emerxencia polo xabaril

11,00 h.- A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reunirase con representantes do sector vitivinícola para falar da declaración da emerxencia cinexética temporal polo xabaril en varias comarcas galegas. foto xoán crespo 02/09/2021
IES CHAMOSO LAMAS

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e representantes dos consellos reguladores dalgunhas das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas presentes en Galicia mantiveron hoxe unha xuntanza para analizar os efectos para o sector da declaración da emerxencia cinexética temporal polo xabaril, vixente desde o pasado venres en gran parte da Comunidade.

Entre as 29 comarcas galegas nas que se aplicará esta medida ata o vindeiro 27 de febreiro figuran algunhas das que concentran unha maior actividade vitivinícola, un dos sectores agrícolas no que nos últimos anos se teñen constatado máis danos derivados dos ataques destes animais.

HIPER MASIDE

De feito, os representantes do sector presentes na reunión — a presidenta do consello regulador da DO Monterrei, Lara da Silva; o presidente do consello regulador da DO Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez; o xerente do consello regulador da DO do Ribeiro, Luis Vázquez; e o director do órgano de control do consello regulador da DO Rías Baixas, Agustín Lago— coincidiron en subliñar a preocupación entre os viticultores galegos polas perdas económicas derivadas dos xabarís e celebraron a medida adoptada pola Xunta nas súas comarcas con relación á declaración da emerxencia cinexética.

Pola súa parte, Belén do Campo recoñeceu o impacto destes animais sobre as vides en moitas zonas de Galicia —especialmente na provincia de Ourense, onde conflúen catro das cinco DO— e de feito, lembrou que este sector é un dos que se pode acoller á orde de axudas para paliar os danos producidos por esta especie. Na mesma liña, explicou que, por esta razón, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tivo unha sensibilidade especial coas comarcas vinícolas á hora de ponderar e decidir onde declaraba a emerxencia cinexética temporal polo xabaril.

Así, explicou que na decisión pesaron cinco variables e a súa incidencia en cada comarca: superficie afectada e proporción desta con relación ao territorio total destinado a cultivos en cada zona; número de avisos por danos; accidentes de tráfico causados por esta especie; e peso das explotacións porcinas respecto ao censo galego total.

Esta é a segunda vez que a Xunta decide recorrer á emerxencia cinexética temporal, unha medida extraordinaria prevista no regulamento de caza para cando nunha comarca exista unha determinada especie que resulta especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería, os montes ou a propia actividade cinexética.

A finalidade principal deste instrumento é axilizar a aplicación práctica de medidas orientadas ao control das poboacións desta especie, a través de distintas modalidades e procedementos de captura, naquelas zonas que concentran unha maior incidencia.

Así, tal e como lles explicou a directora xeral, durante a vixencia da declaración permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas; ampliaranse os períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética; e estará autorizado o uso de medios auxiliares —visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.

Trátase, en todo caso, dunha medida adicional e complementaria á caza regrada nos terreos cinexéticos e tamén ás actuacións de control por danos que se autoricen, que seguirán a desenvolverse nos termos fixados na normativa vixente.

Por iso, Do Campo considerou que a aplicación conxunta de todas estas accións, tanto as habituais e aplicables no conxunto de Galicia como aquelas reservadas para as comarcas e concellos máis afectados polo problema, contribuirán a controlar de forma efectiva a incidencia do xabaril e a reducir os danos e os prexuízos que ocasionan.

Pola súa banda, os representantes dos consellos reguladores comprometéronse a difundir entre os produtores o contido destas medidas así como a insistir na importancia de que se notifique sempre e a través do teléfono 012 os danos causados pola especie.

Contactos cos sectores afectados

A reunión cos representantes do sector vitivinícola enmárcase nos contactos que está a manter a directora xeral nos últimos días con diferentes colectivos afectados polo problema do xabaril, co fin de informarlles en persoa sobre o contido e alcance das declaracións de emerxencia cinexética temporal.

De feito, a semana pasada mantivo unha xuntanza coa Federación Galega de Caza, que volverá colaborar coa Xunta para poñer en práctica as accións cinexéticas previstas no marco desta medida, e días despois convocou aos principais sindicatos e organizacións agrarias da Comunidade como representantes dun dos sectores máis afectados polo impacto socioeconómico que ocasionan os xabarís en determinadas zonas.