Manuel Baltar: “Os orzamentos de 2023 son os dunha Deputación erixida como a mellor aliada dos concellos e un piar básico para as entidades económicas, culturais e sociais”

O presidente da Deputación de Ourense compareceu esta tarde na Comisión 3º de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta das liñas xerais do proxecto económico para o próximo ano

Manuel Baltar resaltou que os de 2023 son “os máis altos da historia da Deputación e seguen a ser os orzamentos da cooperación cos concellos e coa veciñanza, ademais de facer especial fincapé nos aspectos medioambientais, sociais, turísticos e culturais”

AVANTAR ACTIVIDADES

Na súa comparecencia, abordou os proxectos estratéxicos que se están a desenrolar en Ourense; o apoio do goberno provincial ao termalismo, o deporte e a cultura; e o liderado na cooperación e o traballo en rede a nivel estatal e comunitario

Demandou aos membros da comisión parlamentaria situar a Ourense como eixo de proxectos tractores no marco dos Next Generation e tamén lles trasladou as reivindicacións municipalistas acordadas na última Xunta de Goberno da FEMP

Santiago, 3 de novembro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, compareceu esta tarde na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para dar conta das liñas xerais do orzamento da Deputación de Ourense para 2023. 

“Veño cos orzamentos da Deputación de Ourense para 2023 xa aprobados, como fixen sempre antes, un ano máis a administración pública que primeiro aproba os orzamentos no contexto estatal, a calqueira nivel territorial”, resaltou Manuel Baltar. 

O presidente da Deputación situou como claves dos orzamentos anuais a “anticipación, previsibilidade e planificación”. Tres eixos que provocaron, explicou, “que esta Deputación presentara, antes que ningún outro goberno provincial do Estado unha Estratexia de Captación de Financiación Europea para a provincia de Ourense no período 2021-2027. Non só para os Next Generation, tamén para o novo marco financeiro plurianual da Unión. Con 18 proxectos tractores pensados para outorgar beneficios directos a tódolos concellos do territorio”. 

No tocante ás contas, Manuel Baltar resaltou que as de 2023 son “as máis altos da historia da administración provincial, con 90.970.000 euros, medrando un 7% con respecto ao exercicio de 2022 ao incorporar 6 millóns máis. Seguen a ser os orzamentos da cooperación cos concellos e coa veciñanza da provincia, facendo especial fincapé nos aspectos medioambientais, sociais, turísticos e culturais”. 

O presidente do goberno provincial valora a “capacidade de seu da Deputación para respostar con carácter inmediato ante calquera continxencia ou situación extraordinaria. Sempre da man da sociedade e das entidades máis representativas”. Con fitos, explicou, como traballo en cooperación coa Xunta de Galicia para a “recuperación da operatividade da Cámara de Comercio e Industria con novas eleccións, novo pleno e nova presidencia en 2023”. 

A proposta económica para 2023, xa aprobada, recolle, explicou Manuel Baltar, no estado de gastos 35,2 millóns de euros en persoal; 23 millóns para gastos correntes en bens e servizos;  329.000 euros en gastos financeiros; 14 millóns en transferencias correntes; un fondo de continxencia de 300.000 euros; 11,6 millóns de euros en investimentos reais; 5,3 millóns de euros para transferencias de capital; e algo máis de 700.000 euros e outros 300.000 euros en pasivos e activos financeiros. 

En liñas xerais, o orzamento da Deputación de Ourense para 2023, detallou que as contas destinan 34,9 millóns para obras e servizos; 9,86 millóns para cooperación cos concellos; 6,75 millóns para o capítulo social; 4,93 millóns para cultura; 1,5 millóns para educación; 2,66 millóns para deportes e 1,55 millóns para administración electrónica. O Inorde, explicou Manuel Baltar, disporá o próximo ano de máis de 1,9 millóns, cunha suba do 6,3 % respecto ao ano anterior.

Liñas de traballo estratéxicas para o ano 2023

Os orzamentos da Deputación de Ourense para 2023 contemplan, entre outras, as seguintes liñas de traballo e áreas estratéxicas, segundo detallou Manuel Baltar na súa comparecencia:

1- Plan de fomento do emprego dotado con 1.830.000 euros

2- Apostamos polas axudas á natalidade -325.000 euros- e polas axudas a concellos para actuacións relacionadas coa mocidade por 549.000 euros.

3- Plan para gastos correntes para aqueles concellos que acrediten insuficiencia financeira e orzamentaria, dentro do Plan de cooperación para obras e servizos.

4- Programa de acción social en cooperación cos concellos por importe de 1.200.000 euros.

5- Subvención á UNED por 430.995,48 euros e á Universidade de Vigo por 220.000 euros.

6- Financiamos os G.E.S, “na parte que deberían aportar os concellos” con 1 millón de  euros.

7- Dótase ao Consorcio Provincial de Incendios con 1.419.750 euros.

8- Liña de subvencións de deportes -350.000 euros- e o Plan Tarazana de actividades culturais e recreativas -150.000 euros-. Mantense o programa SKIOU de 71.000 euros.

9-  As reparacións e mantemento das vías provinciais: 1.400.000 euros.

10- Os concellos da provincia reciben 4.734.590,64 euros en forma de transferencia de capital para os seus investimentos.

11-  Orzaméntanse 302.323,59 euros para paliar catástrofes.

12- O plan provincial de cooperación ás obras e servizos, o de empregabilidade, o de rozas en vías provincias e municipais e o BenOurense de servizos sociais municipais estarán plenamente vixentes e operativos o 2 de xaneiro de 2022. Porque o día 1 é festivo. 

13- O Plan “Ourense, a provincia termal”. Por certo, explicou Manuel Baltar, “coa Deputación facendo posible unha nova instalación balnearia na provincia, cando abra as súas portas o Novo balneario de Berán”. E o proxecto estratéxico provincial da conversión do edificio da nosa sede no Gran Hotel Balneario Auria, “que será un referente en Europa, estando próximos a licitar o proxecto construtiva”. 

Manuel Baltar valorou a importancia de contar con boa saúde financeira dentro do goberno provincial: “No 2023 seguiremos vendo as vantaxes de operar unha vez acadada hai tempo a ‘débeda cero’ da institución. Os orzamentos dunha Deputación, dun goberno, que actúa con visión integral de provincia. Que eríxese como a mellor aliada dos concellos e piar básico para o funcionamento e xestión de entidades económicas, culturais e sociais da provincia de Ourense”. 

Proxectos estratéxicos no ámbito turístico, deportivo, industrial e termal

Uns orzamentos que, explica o titular do goberno provincial, fan posible a materialización de proxectos estratéxicos. Coma a recente apertura do Centro Galego de Innovación na FP “Eduardo Barreiros”, unha aposta da Deputación de Ourense en colaboración coa Xunta de Galicia. As contas do 2023 serven para, detallou, continuar “dando pasos firmes no futuro Parque Acuático de Monterrei, tamén froito da cooperación da Deputación e a Xunta de Galicia, ou para acoller competicións internacionais de alto nivel no Parque náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, como fixemos coa Coupe de la Jeunesse”. 

Manuel Baltar tamén resaltou, entre outras liñas estratéxicas que se reforzan de cara a 2023, o blindaxe do ecosistema de turismo deportivo, con eixos coma a Estación de montaña de Manzaneda. Ou, no ámbito industrial, incrementar o peso da Deputación no Parque Tecnolóxico de Galicia e as alianzas coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, a CEO, o Círculo de Empresarios de Galicia ou a Asociación de Empresarios de Portugal. 

Orzamentos para un ano, “onde seguiremos liderando en transparencia a tódolos gobernos provinciais de España, marcador obxectivo de tódolos indicadores establecidos”, remarcou o presidente da Deputación sobre un 2023 onde será “unha realidade o Plan Destino Turístico Intelixente, “que fará que consolidemos os mellores números da historia no turismo: non só o maior número de visitantes senón tamén incremento das pernoctacións por visitante”. 

Cuestión á que contribúen feitos como o Congreso Internacional de Turismo Termal, “tendo en conta a miña condición de presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, composta polos 51 sitios termais máis importantes de 18 nacións, a organización pública termal máis relevante do mundo”, reivindicou Manuel Baltar. 

A importancia do traballo en rede no ámbito estatal e comunitario e da cooperación para implantar proxectos como o Plan Destino Turístico Intelixente, o EmprendOU ou os de sostenibilidade turística

Manuel Baltar reivindicou na súa comparecencia a importancia de seguir avanzando no traballo en rede: “En 2023, a Deputación seguirá tendo voz e voto nos foros nacionais e internacionais a nivel de gobernos provinciais, falando de territorio, de servizos e de futuro. Consolidando a nosa presenza no Eixo Atlántico, que empezou en 2021 coa Presidencia do Foro de Termalismo”. 

“Porque sen dúbida”, explicou Manuel Baltar, “este é o goberno provincial de España con maior e mellor presenza nesta esfera: na Xunta de Goberno da FEMP -so dous gobernos provinciais de 25 membros-; na Fundación Democracia e Goberno Local conformada por 27 gobernos provinciais –estamos no comité de dirección composta por 8 gobernos-; a vicepresidencia da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Embalses e Centrais Hidroeléctricas; presidindo Partenalia -reelixido por certo unanimemente de novo na reunión do Consello Político celebrado en Bruxelas o pasado 14 de outubro-; e vicepresidindo a CEPLI –conformada por 1167 provincias europeas-, por certo o único membro-representante do Estado español.

O traballo en rede aporta razóns como o Plan de Destino Turístico Intelixente, “pero podería falar tamén do pasado Proxecto Raia Termal, do Proxecto EmprendOU ou dos plans de sostibilidade turística da Ribeira Sacra e o de Ourense Termal e a cooperación entre os distintos niveis de administracións territoriais, coas institucións comunitarias participando activamente”. “Feitos que puiden poñer de manifesto durante a Semana Europea das Cidades e das Rexións en diferentes actos e seminarios  en  Bruxelas organizados co aval da Comisión Europea. E dos que tiven a oportunidade de falar co Presidente do Comité das Rexións o noso amigo portugués Vasco Cordeiro”, destacou Manuel Baltar. 

Compromiso coa innovación e coa cultura

“Os orzamentos de 2023 serán tamén acaídos para poñer en marcha os acordos e actuacións que resulten do Debate sobre o estado da provincia que celebraremos o vindeiro 8 de novembro, formato pioneiro e único en Galicia, que sirve para exemplificar o noso compromiso coa innovación con novos instrumentos de debate político na esfera pública”, valorou o presidente da Deputación, que definiu este debate como un centro con “resultados prácticos, debate eficiente. Como pon de manifesto, entre outros, o funcionamento do xa referido Centro Galego de Innovación da Formación Profesional “Eduardo Barreiros”, realidade que naceu nunha proposta que fixen no Debate sobre o estado da provincia no ano 2018.

Manuel Baltar avanzou o reforzo do compromiso da Deputación coa cultura: “Ourense seguirán a apostar pola cultura con maiúsculas e pola nosa identidade. Dende Ourense seguiremos a organizar o Festival de Cine de Galicia, a nosa aposta pola Deputación, a Ourense ICC Week…e a Ourense Mobile Week tamén en 2023”. 

“Resalto a importancia da identidade, nación cultural. Lembro a Elixio Rivas, Medalla de Ouro da provincia de Ourense, falecido neste 2022 e un dos alicerces da nosa cultura e identidade colectiva”, explicou Manuel Baltar, que aproveitou para mencionar a Acisclo Manzano e Manolo Buciños, tamén recoñecidos coa Medalla de Ouro; Manuel Villanueva -que recibirá mañá o título de fillo adoptivo da provincia-; Antonio Carreño -co expediente en marcha para outorgarlle a Medalla de Ouro-; ou Manuel Outumuro, Premio Ourensanía 2022. 

Reivindicacións para o equilibrio territorial e en clave municipalista

Na súa intervención, Manuel Baltar marcou dúas liñas de reivindicacións. Por un lado, “a participación das entidades locais nos tributos da Comunidade Autónoma, en coherencia cos textos constitucional e estatutario; ademais do equilibrio territorial -ollo, non reequilibrio territorio, equilibrio- dispoñendo que se contemple a provincia de Ourense como futura ubicación dos proxectos tractores da economía galega que concorran aos fondos NextGeneration”. 

O presidente da Deputación de Ourense tamén trasladou reivindicacións baseadas na perspectiva municipalista, apoiadas na última xunta de goberno da FEMP, na que “aprobamos por unanimidade 27 emendas ao proxecto de lei de orzamentos xerais do Estado para 2023. Un acordo que certifica a resposta contundente tamén do mundo local contra ese proxecto de lei”. 

Ademais, explicou, os membros da Xunta Goberno da FEMP acordaron solicitar ao Goberno unha serie de medidas, entre as que destaca a creación dun fondo local de 3.000 millóns de euros para o impulso e a recuperación económica e social; a compensación polas perdas no imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana e polo novo imposto sobre o depósito de residuos en vertedeiro; a revisión das condicións dos préstamos formalizados co fondo de financiación ás entidades locais polos concellos con problemas de liquidez ou que se atopen en risco financeiro; ou que os concellos asociados á sección de vilas termais- e Ourense é a provincia con maior número de concellos de España,15- dispoñan dunha partida presupostaria a través dun convenio coa FEMP; ademais de manter a partida orzamentaria destinada aos concellos asociados ao Spain Convention Bureau, onde tamén está a Deputación de Ourense, a través dun convenio coa FEMP.