O delegado da Xunta visita o centro de saúde de Laza para coñecer a innovadora iniciativa de medicina rural gañadora dun premio nacional

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • O proxecto de creación dunha aula de formación en ecografía clínica para residentes e médicos de familia no ámbito rural mereceu o primeiro premio da II Bolsa de Medicina Rural ASOMEGA-SEMG
  • O seu promotor Keith Albert Foo é precisamente un dos facultativos que se beneficiou da convocatoria do Sergas para cubrir prazas de dificil cobertura
  • Grazas a esta proposta Laza será punto central da formación dos profesionais da provincia en ecografía clínica aplicada á Atención Primaria

Ourense, 27 de xaneiro de 2023. O delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, acompañado de Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, achegouse ao Centro de Saúde de Laza para coñecer, de primeira man, o proxecto de creación dunha aula de formación en ecografía clínica para residentes e médicos de familia no ámbito rural, que ven de gañar un premio nacional.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta innovadora iniciativa foi promovida polo novo médico titular de Laza, Keith Albert Foo, precisamente un dos vinteun facultativos da provincia que ven de acceder a unha praza en propiedade, mediante a recente convocatoria do Sergas vía concurso de méritos, sen exame, para promover e facilitar a estabilidade do persoal nos centros de saúde, e moi especialmente naqueles de areas rurais e de dificil cobertura.

De orixe galega-venezolana, o novo médico de Laza é un apaixonado da docencia, núcleo central da proposta formativa que obtivo o primeiro premio da II Bolsa de Medicina rural da Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG), nunha edición marcada polo alto número e calidade dos proxectos presentados, que se saldou cun primeiro premio e dous accesit.

Aumentar a capacidade diagnostica da Atención Primaria

Entre os obxectivos do proxecto destaca o de integrar a técnica ecográfica como unha ferramenta diagnóstica habitual na actividade asistencial na contorna rural, sacando así o máximo partido da dispoñibilidade destes equipos na rede asistencial básica do Servizo Galego de Saude, que ven de renovar estes equipos no marco do plan de mellora, e están dispoñibles en todos os Servizos de Atención Primaria de Ourense, na cidade e nas cabeceiras de comarca..

A creación da aula permitirá contar cun programa formativo, axeitado ás necesidades dos médicos de familia, para aumentar a súa capacidade resolutiva e diagnóstica, máis importante ainda ao ter en conta a xeografía da provincia de Ourense, con multitude de pequenos centros de saúde afastados da cidade e do hospital de referencia.

Ademáis, a aula permitirá fortalecer os lazos entre os profesionais e compartir experiencias, establecendo un sistema de titorización e formación en ecografía clínica con interacción con referentes, como os cotitulares do proxecto, Manuel Solla e Manuel Devesa, médicos do Centro de Saúde de Allariz.

O devandito é outro dos eixos deste plan docente, que constará de seis semanas presenciais no centro de saúde nas que existirá unha etapa formativa, outra práctica e outra de avaliación. “Un proxecto que aposta polo futuro da profesión” segundo  remarcou o xurado do premio.

A dotación da bolsa é de 4.000 euros o que permitirá a Albert instaurar unha fase piloto do proxecto, poñendo a punto a aula no centro de saúde para recibir aos residentes ou profesionais que acudan a Laza a formarse. Iniciativa que conta co apoio activo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras que lle facilita a parte máis custosa: o ecógrafo e os materiais precisos. 

Hai que subliñar que, nesta segunda edición, novamente un proxecto ourensán faise coa bolsa de medicina rural Asomega-SEMG, que se iniciou o pasado ano elixindo a proposta das xornadas sociosanitarias promovidas polo Servizo de Atención Primaria de A Limia, dirixidas pola entón pola xefa de servizo de Xinzo, Cristina Margusino.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------