Os premios Ribeiro recaen en locais de Nigrán, Vilagarcía e Santiago de Compostela

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro anuncia os gañadores das tres categorías que recoñecen a atención e o bo traballo nos establecementos de hostalaría, restauración e de venda de viños.

En “Mellor servizo de viño en restaurante” prémiase a Los Abetos restaurante asador, de Nigrán; como “Mellor tenda de viños-viñoteca” recoñécese a Valladares Alimentación, en Santiago de Compostela; e na categoría de “Taberna-bar de viños” o galardón vai para Derby, en Vilagarcía.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Nun momento no que a hostalaría e o comercio máis próximo están a sufrir dificultades, dende o Consello Regulador quérese salientar a súa importancia no tecido económico e social e mandar unha nova mensaxe de apoio”, en palabras do seu presidente Juan Manuel Casares.

Los Abetos, aberto no 1982, é un establecemento asociado a momentos especiais para os seus clientes, como celebracións familiares, reunións de negocios ou convencións. A súa carta de viños conta cunhas 800 referencias de todo o mundo e presta unha atención especial aos viños galegos, como o Ribeiro, moitos deles conservados nas condicións ideais na súa adega subterránea.

A tradición na venda de viños en Santiago de Compostela ten un nome: Valladares. Semella un ultramarinos dos que xa non quedan tantos dende fóra, pero dentro agocha unha inmensa selección de botellas e produtos gourmet maila sabedoría que Concha Valladares e os seus empregados acumulan dende a apertura nos anos 60.

Atención esmerada, unha gran variedade en petiscos e racións que casan perfectamente coas bebidas e imaxinación á hora de propor novas propostas para os seus amigos son tres dos ingredientes do Derby, en Vilagarcía de Arousa.

A novena edición dos Premios D.O. Ribeiro acontecerá o venres 18 decembro, ás 10.30 da mañá no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.

Ademais dos establecementos sinalados, homenaxearase a Luís  L.Paadín como “Persoeiro de Honra” 2020 e coñeceranse os mellores viños brancos e tintos na cata oficial, de adega e de colleiteiro, da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Tamén se entregarán os premios “Muller e viño”, “Mellor labor de comunicación” e “Vida entre Vides”.