A Mit bate récord histórico de asistencia do público.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PREMIO DO PÚBLICO É PARA “AS QUE LIMPAN”, DE A PANADARÍA, SEGUIDA MOI DE CERCA POR “FUCK ME” DE MARINA OTERO.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O PREMIO ABRENTE DE TEXTOS TEATRAIS DESTA EDICIÓN É PARA A ACTRIZ NEREA BREY, QUE OBTÉN O RECOÑECEMENTO COA SÚA PRIMEIRA OBRA “MANUAL DE PATRONAXE”.

Ribadavia, 24 de xullo de 2023

O aumento de recadación de ingresos por venda de entradas é dun 34% con respecto á edición anterior, o que supón non só recuperar os datos pre-pandemia, senón melloralos e apuntar cara a unha necesidade de crecemento sostible do festival. Mentres as axudas públicas están estancadas, especialmente as da Xunta de Galicia, que non se incrementan dende hai máis de 10 anos, a subida de prezos de todos os gastos que ten que afrontar o festival verase compensada polo forte incremento da venda de entradas e o apoio rotundo do público.

            Auténticas noites máxicas e trascendentes do teatro galego, concretadas en espectáculos diversos e innovadores ou actividades moi valiosas para o fomento da actividade teatral, como as Xornadas do teatro Galego da Transición, en colaboración co Consello da Cultura Galega. Tiveron lugar na capital do teatro galego, que se reforza ano tras ano e, nesta edición, de xeito especial.

            O gran ambiente creado pola Mostra ten unha forte repercusión na economía local e a valoración dos espectáculos ou a variedade dos mesmos, engade beneficios cualitativos importantes ao éxito claro cuantitativo da MIT, marcada pola idea de memoria. As mulleres creadoras, os espectáculos para o público familiar nas parroquias do rural (Dúo Kaos de Italia, Elahood, Colectivo Glovo, etc.) e o novidoso merchandising realizado por pequenas empresas do Ribeiro, tamén son as grandes triunfadoras desta 39ª edición da MIT, na súa aposta pola innovación.

ACTA DO XURADO DO PREMIO ABRENTE DA MIT 2023

Reunidas as seguintes persoas do Xurado do 18º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT 2023, composto por Rocío González, Ana Abad de Larriva, Lois Blanco e Roberto Pascual, que actúa como secretario con vos pero sen voto, acordan por unanimidade, decretar como gañador o texto titulado MANUAL DE PATRONAXE, presentado co pseudónimo “Singer Verde”, polos seguintes motivos:

Trátase dunha obra con apariencia e ferramentas da autoficción, ben elaborada, estruturada e coherente, que contén o equilibrio e capacidade necesarias para enfiar con atino o íntimo co profesional, entre dous planos que conforman un suxerente diálogo interxeracional.

A obra mestura temas universais como a perda e a busca da identidade, o amor e os xogos ou tarefas da costura, que lle serven para enlazar este oficio co universo da escrita.

A autora amosa a capacidade para elaborar unha obra aparentemente sinxela pero con potencia para emocionar, grazas ás capas de verdade e honestidade coas que se manexa para a recepción co público actual.

Nerea Brey (Lalín, 1987) é actriz, docente de Arte Dramática e creadora escénica. Licenciada en Xornalismo e Titulada pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.