As actividades comezan o 2 de setembro e remata o 8 de outubro.
Con escasos medios, moita ilusión e moitas colaboración, trinta e seis anos consecutivos leva organizando a ASOCIACIÓN VECIÑAL SAN BREIXO DE SEIXALBO este evento, consolidándose xa como un referente no panorama cultural de Ourense.
Lembramos que naceu sendo unha “Semana Cultural” en 1987 e foi reconvertido desde hai seis anos en algo máis dun mes repleto de actividades programadas para todos os públicos e idades.
Inícianse o 2 de setembro cunha acción titulada “Sons e Rúa” , musica, arte na rúa, pintura, grafitti para todas as idades pero dirixida especialmente ao público infantil, na formidable e emblemática Praza do Cabildo, formando parte da programación, con actividades especificas para a rapazada (xogos tradicionais, inchables, festa da escuma, contacontos e visitas lúdico-formativas, este ano, aos estudios da emisora local Telemiño.
Unha vez máis, como corresponde a unha vila musical, a clausura será cun concerto cos grupos Cantigas de Seixo e Trovare, coa colaboración da Asociación Cultural Agromadas, previsto para o 8 de outubro.
Dúas exposicións poderán contemplarse durante este mes de setembro: debuxos do ilustrador local Sergio Fernández (Aroa F) e unha interesante mostra sobre a problemática da migración da man da Fundación JuanSoñador.
O teatro adquire especial protagonismo nesta edición, xa que ademais da clásica obra escrita e dirixida pola autora local Marisol Delgado e representada polos veciños de Seixalbo e que conta cun público fiel de máis de catrocentos espectadores (este ano, “O RAPOSO DE SEIXALBO” coa intervención do grupo de danza Meigas Tribal) está programada a obra ESCANDALO’S CLUB, dirixida por David Vázquez e representada polo grupo Esteta Teatro.
Tamén o séptimo arte ten cabida coa proxección de “Ultimatúm a o Planeta” The Day the Earth Stood Still (1951 Estados Unidos Dirección Robert Wise). Esta actividade realízase coa colaboración do Cine Club Padre Feijoo que asume os dereito de proxección así como o equipamento para a mesma, no Auditorio ao aire libre de Penouzos.
Conferencias, obradoiros, viaxes culturais, cicloturismo e a clásica Andaina Solidaria co Banco de Alimentos ou a tradicional Cea de socios e socias teñen cabida nesta ampla e variada programación.
Segue a ser un referente a xornada de Convivencia Intercultural, con xentes de distintos países que se integran na sociedade de Seixalbo a través do programa Teranga da Fundación JuanSoñador e a desinteresada colaboración do grupo local Os Perqtores (que ademais realizará un obradoiro de percusión)
Retómase a iniciativa da realización dunha sesión vermú que se fai coincidir coa festividade do patrón local San Breixo, cunha foliada popular que contará con Cantares da Cunha, caldeira de pulpo e ambiente das clásicas romarías populares.
En definitiva, poucos medios, moitos colaboradores desinteresados e moito traballo por parte dunha directiva veciñal ilusionada que fan posible que se manteña un ano máis o “SEIXALBO CULTURAL” ao que convidamos a todos os veciños e veciñas de Ourense.