“As familias de alumnas e alumnos deberían recibir das administracións os recursos necesarios con criterios de igualdade e equidade, e máis neste delicado contexto económico, moi marcado pola forte inflación”, defendeu a vicevoceira socialista na Deputación, Elvira Lama
A iniciativa para unha maior fiscalización e racionalización no uso do parque móbil da Deputación de Ourense foi rexeitada polo voto adverso do PP, quen se conformou como a única forza política contraria á iniciativa, que non saíu adiante pola ausencia no Pleno de dous deputados de oposición
Ourense, 29 de setembro de 2023. A PP, DO e BNG votan xuntos no pleno da Deputación de Ourense contra a moción do grupo provincial socialista para a activación dun plan de axudas dirixido á adquisición de libros e material escolar para o curso 2023/2024. Xustificando a iniciativa, que aspira a que a Deputación de Ourense saia ao paso de quen máis o precisa na actual conxuntura, a vicevoceira socialista na Deputación de Ourense, Elvira Lama, fixo fincapé en que “as familias de alumnas e alumnos deberían recibir das administracións os recursos necesarios con criterios de igualdade e equidade, e máis neste delicado contexto económico, moi marcado pola forte inflación, que fai que este sexa o inicio de curso máis caro da historia de Ourense”.
Desde o Grupo Provincial Socialista sustentouse que as actuais axudas da Xunta de Galicia para libros de texto e material escolar “son claramente insuficientes, posto que non toman en consideración máis gastos que os dos libros, cando unha familia pode chegar a gastar non menos de 200 euros na etapa de educación infantil e mesmo máis en ulteriores etapas educativas”, dixo Elvira Lama. “Neste senso, concluíu Lama, o goberno galego deixa totalmente desprotexidas ás familias con cativos e cativas escolarizados e a todas aquelas que estean en situación de vulnerabilidade, motivo polo que consideramos a Deputación debe apoiar a ditas familias habilitando estas axudas que, doutra banda, xa contemplan algúns dos nosos concellos na provincia”.
Na quenda de réplicas, o voceiro de DO, Armando Ojea, xulgou de “típica demagoxia” a proposta socialista, mentres que María Xosé Mangana, deputada nacionalista, declinou apoiar a iniciativa co gallo de que a educación entra dentro do ámbito de competencias da Xunta de Galicia. Por parte do PP, César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación, estimou “suficiente” o plan de axudas do goberno autonómico, considerando que a institución provincial debe dedicar recursos cara outras empresas. “Esta é a igualdade de todos os españois que os señores do PP defenden! Deberán explicarlle vostedes ás familias da nosa provincia que están a sufrir que a Deputación non está para axudalas”, sentenciou Lama.
O PP mantén a opacidade sobre o parque móbil
O Grupo Provincial Socialista tamén presentou unha Moción para que Deputación de Ourense formalice un regulamento de uso dos coches oficiais da institución e implante un rexistro público, de actualización regular e accesible a través da páxina web da institución, no que se poidan consultar, en todo momento e por todos os cidadáns, os desprazamentos realizados, as persoas que participaron en cada un destes, as motivacións e o seu custo. A iniciativa foi rexeitada polo voto adverso do PP, quen se conformou como a única forza política contraria á iniciativa. Tan só a ausencia no Pleno de dous deputados de oposición, Xosé Manuel Puga, do grupo do BNG, e Gonzalo Pérez Jácome, de DO, que se ausentou no momento da votación, impediu a suma de voces necesarias para sacar adiante unha moción subscrita por todas as forzas do hemiciclo, agás o PP.
“Pensamos que a adopción deste tipo de medidas para o uso do parque móbil, nomeadamente os coches oficiais, redundará nunha mellor rendición de contas e transparencia, pero tamén nuns máis elevados índices de sustentabilidade financeira, responsabilidade e lealdade institucional, e un maior respecto polo medio ambiente”, indicou Diego Fernández, deputado socialista. O presidente da Deputación Luís Menor, xustificou o rexeitamento en que “a nova administración (á fronte da institución) non deu motivos para adoptar novas medidas (de fiscalización)”, asumindo implicitamente arbitrariedades no pasado e sen desmentir os motivos a prol dun maior control no uso do parque móbil.