O Concello de Ribadavia, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), vén de solicitar financiamento europeo para desenvolver tres proxectos no concello ao longo dos próximos meses nos ámbitos da educación, a mocidade e a solidariedade.
En concreto, o Concello busca o apoio comunitario para implementar os proxectos “Entre o mar e as montañas” -un programa piloto transfronteirizo que pretende poñer en contacto o alumnado de Primaria de Ribadavia co de Portugal-; “Democrazy: Play Now” -unha iniciativa de intercambio da mocidade que xira arredor da democracia participativa-; e unha iniciativa dentro do programa Corpo Europeo de Solidariedade para acoller a catro voluntarios, de diferentes países europeos, co obxectivo de apoiar á comunidade local e ao traballo municipal en Xuventude e a Cultura.
César Fernández: “A OMIX de Ribadavia é un referente, avanzaremos na súa potenciación dentro da nosa aposta pola cooperación”
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou o “excelente traballo” da OMIX da vila: “É un referente, e avanzaremos na súa potenciación dentro da nosa aposta pola cooperación e polo apoio á mocidade. No gobernó municipal de Ribadavia estamos convencidos da importancia de traballar no dinamismo xuvenil como camino para construir a Ribadavia do futuro; e neste sentido a OMIX xoga un papel fundamental”.
Como mostra deste marco de actuación, o rexedor sinalou que “nunca ata o de agora o Concello de Ribadavia fora quen de presentar tres proxectos europeos nunha mesma convocatoria. E na nosa folla de ruta está seguir nesta liña, deseñando e implementando iniciativas que contribúan a dinamizar Ribadavia”.
Detalles do proxecto “Entre o mar e as montañas”
Esta iniciativa, como xa se mencionou, ten forma dun proxecto piloto transfronteirizo que busca poñer en contacto a alumnado de Educación Primaria de diferentes rexións, neste caso, entre Ribadavia e Portugal.
O Concello, a través da OMIX, vén reforzando nestes meses a colaboración co CEIP Plurilingüe de Ribadavia. Froito deste traballo nace “Entre o mar e as montañas”, deseñado a través da combinación dos métodos educativos formais e informais.
O proxecto será liderado e coordinado polo Concello de Ribadavia, e centros implicados serán o CEIP Pluringüe de Ribadavia e a escola de Primeiro Ciclo de Educación Básica e Jardín de Infantes de Afurada de Baixo, que nos próximos días xa comezarán a colaborar, mentras se agarda á resolución da Comisión Europea para afondar no proxecto.
Entre os obxectivos de “Entre o mar e as montañas” está fomentar o gusto pola escritura e o coñecemento do galego-portugués, ademais de poñer en contacto a nenos de diferentes países. Esta iniciativa nace a través da escritura de cartas e, de ser validada dentro do programa Erasmus+, comezaría esta segunda fase en xaneiro do 2024.
“Democrazy: Play Now!”
Dentro da convocatoria de Erasmus + neste caso, na área de Xuventude, o Concello de Ribadavia a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil solicitou un intercambio internacional baixo o nome “Democrazy: Play Now!
Trátase dun proxecto sobre democracia participativa no que, en caso de ser aprobado pola Comisión Europea, contará con 27 persoas mozas de países como Grecia, Estonia, Rumania, Portugal e España e se desenvolverá en Ribadavia durante o mes de marzo de 2024.
O proxecto nace a partir da constatación da progresiva perda de interese da mocidade nos procesos democráticos dos seus respectivos países. Fronte a esta ameaza, “Democrazy: Play Now” aposta por abordar esta situación e “animar aos mozos para converterse en cidadáns europeos activos, motivados e conscientes de si mesmos”.
Corpo Europeo de Solidariedade
Tamén nesta convocatoria do mes de outubro, o Concello de Ribadavia presentou un proxecto europeo do programa Corpo Europeo de Solidaridade (CES).
A intención da OMIX é acoller, un ano máis, a catro persoas voluntarias de diferentes países para que poidan apoiar a comunidade local e as labores do persoal técnico do Concello de Ribadavia nas áreas de Xuventude e Cultura.
Este proxecto solidario apoia ás diversas acción culturais, xuvenís e medioambientais de Ribadavia. As persoas voluntarias iniciarían o proxecto a partir de marzo de 2024, unha vez rematado o que se está desenvolvendo nestes momentos baixo o mesmo programa europeo da CES.