Este pasado sábado tivo lugar a III Andaina Cultural “Camiño de Nós”, dende O Carballiño ata a Casa do Zapateiro do Irixo.
A andaina teatralizada, organizada pola Fundación Insua dos Poetas, recorda que en xullo de 1926 un grupo de sete galeguistas de Ourense, todos membros do Seminario de Estudos Galegos, fixeron a pé o traxecto entre Ourense e Santiago (105 km), seguindo un itinerario coñecido desde a Idade Media como Camiño dos Arrieiros.
Este camiño atravesa un total de 11 concellos, 5 da provincia de Ourense, 3 da de Pontevedra e 3 da Coruña.
En 2020, ano do centenario da revista Nós, Luís González Tosar recolleu no libro O Camiño de Nós, as 7 narracións de Xavier Pardo e outros materiais relativos a este histórico itinerario cultural.
O delegado da Xunta en Ourense participou nesta andaina e comprometeu xa o apoio da administración para a sinalización e potenciación do camiño.