Bernardo Varela “É preciso unha aposta polo interior de Galiza e especialmente por Ourense, para que o noso tecido produtivo e social sexa quen de aproveitar o potencial que dispomos”
Ourense, 23 de novembro de 2023. Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG, xunto aos outros dous deputados do grupo provincial na Deputación de Ourense, María Manga e Xosé Manuel Puga, compareceron ante os medios de comunicación para dar a coñecer a alternativa económica que o grupo nacionalista presenta aos orzamentos que o grupo de goberno do PP leva a aprobación no pleno de novembro.
O BNG fai unha proposta alternativa e en positivo a uns orzamentos provinciais que consideramos continuístas e sen capacidade de darlle o impulso que esta provincia precisa, declaraba Varela durante a comparecencia, e propomos uns orzamento mellorados sobre as cifras que o propio grupo de goberno propón, sen facer castelos no aire.
Chega con ver os gastos previstos no orzamento para 2024, para que chame poderosamente a atención que o 64% dos 96 millóns de euros van a parar a persoal e gasto corrente, indicaba Varela, case que 62 millóns de euros, cun incremento superior ó 9% no gasto de persoal, 3208468€. Un dato que si antes era chamativo agora aínda pasa a selo máis, con 38 millóns e medio de euros destinados a gastos de persoal, sen contar o persoal do INORDE, nin dos Parques Comarcais de Bombeiros.
Unha das primeiras medidas que propomos, sinala o voceiro nacionalista, é a redución no capitulo I persoal en 1millón 700 mil, amortizando as prazas vacantes recollidas no orzamento, aínda que incrementando o persoal do INORDE, este ente desaparecería, incluíndo as súas accións na acción directa da deputación, pero reduciríamos o gasto en 2 millóns 369 mil. Coa redución e modificación de partidas proposta na nosa enmenda, que entendemos permitiría continuar co funcionamento da deputación e que hoxe presentamos, conqueriríamos unha bolsa de 29.232.319,47€.
Esta bolsa de 29.232.319,47€ permite un Plan Único que no básico mantería o sistema de aportación ós Concellos coa diferencia que pasaría a ser de 21 millóns de euros no orzamento de 2024, 7 millóns máis do previsto no Orzamento do PP e 4 respecto do total incluíndo as futuras modificacións de crédito, que se vería incrementado paulatinamente ata o obxectivo dos 25 millóns no fin do mandato. Por outro lado permitiría un programa de dinamización económica dotado con 5.800.000€ para proxectos estratéxicos no territorio provincial no ámbito industrial e agrogandeiro e por último a creación dun programa de colaboración con entidades e asociacións dotado inicialmente con 2.432.319€ cunha xestión das axudas equitativa, e que se vería incrementado coas sucesivas modificacións de crédito.
Dede o Bloque tamén entendemos que é importante por en valor o traballo de entidades sociais, clubes deportivos, Fundacións; e así como se avanza nun plan con criterios equitativos para os Concellos entendemos que debe establecerse tamén un con criterios obxetivos para entidades e asociacións, pois non debería acontecer como acontece nestes orzamentos que nalgún caso se poda obter unha subvención nominativa e acudir logo á de concorrencia competitiva, sen que esté xustificado por algunha actuación extraordinaria e puntual, senón simplemente para gastos de funcionamento. As axudas para gastos de funcionamento deberían estar cubertas polo importe dun programa de colaboración coas entidades e asociacións suficientemente dotado e con criterios obxectivos.