Nota Informativa de Ribeiro en Común

O PP faille perder 150.000 euros ao Concello de Ribadavia.

O alcalde no lugar de conseguir colaboración das Administracións do Estado preferiu facer campaña para Baltar e Pablo Casado contra os intereses de Ribadavia.

Esa campaña na que participou utilizando ao Concello de Ribadavia imposibilitou que o noso Concello poida dispoñer de 150.000 euros do seu remanente para destinalos a investimentos propios, perdendo así unha cantidade moi importante e moi necesaria nun Concello que nun ano non conseguiu ningún investimento real.

AVANTAR ACTIVIDADES

Decepción é a palabra máis empregada para definir a actual alcaldía e a súas formas de supeditarse constantemente aos intereses do seu xefe Baltar en detrimento dos intereses reais de Ribadavia.

Este novo exemplo é clamoroso, pois a alcaldía sabía perfectamente que Ribadavia podería ter empregado e investido 150.000 euros do seu remanente/superávit para destinalo a obras e investimentos no noso municipio. Pola contra, o actual alcalde preferiu facer campaña para o seu xefe Baltar.

Esta cifra foi proporcionada ao noso grupo desde a área de Intervención e Tesourería do Concello de Ribadavia, onde remarcan que o total do remanente de Tesourería supera os 500.000 euros, polo que poderían destinarse a investimentos o 30% desta cifra que é arredor dos 150.000 euros.

Algo que agora non é posible por culpa do PP e da súa campaña, na que participou a alcaldía de Ribadavia. Así, coa pinza PP-VOX no Congreso, a onde se desprazou Baltar o pasado venres, ese remanente de Ribadavia queda unha vez máis bloqueado.

Por este motivo,Ribeiro en Común ven de presentar unha Moción para o Pleno de setembro na que pida que Ribadavia poida utilizar o seu remanente/ superávit bloqueado actualmente. Cabe recordar que a orixe deste bloqueo foi e continúa a ser a LEI MONTORO do goberno Rajoy, por iso tamén pedimos a súa derogación.

Ribeiro en Común defendemos que máis alá dos partidos políticos, os concelleiros, e sobre todo os gobernos municipais deben defender aos seus veciños, algo que non saben ou non queren facer no PP de Ribadavia, onde queda claro que o que manda é Baltar e os seus intereses.