Carmen Dacosta lamenta o voto en contra do PP a unha proposta para que a Xunta execute a reforma integral da rúa e garanta a seguridade dos peóns
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023. A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusou hoxe á Xunta de manter á rúa do Progreso de Ourense “nun estado deplorable” logo de anos “no esquecemento”. A responsable socialista presentou unha proposta na Comisión de Infraestruturas do Parlamento para reclamarlle á Xunta que execute a reforma integral da vía e a mellora da seguridade, pero foi rexeitada polo PP malia que eles mesmos o presentaran no seu programa electoral.
Rodríguez Dacosta lembra que o último investimento que recibiu esta rúa de titularidade autonómica data do goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, pero que foi abandonada dende a chegada do PP á Xunta “e así estamos”. Sinala ao acusado deterioro da rúa, que “tamén afecta á seguridade e ao confort das persoas, así como á imaxe pública da cidade e dalgúns dos seus referentes como As Burgas, o Xardín do Posío ou a Alameda.
Trátase dunha vía de paso cun elevado volume de tráfico “que ademais presenta serios problemas de integración e de mobilidade sostible”, con moito do patrimonio inmobiliario “nun estado deplorable ou directamente abandonado ou en ruína”. As beirarrúas presentan importantes deficiencias, con falta de ramplas de acceso e con pasos de peóns inseguros, a vía ten fochancas e serias deficiencias na sinalización, ademais de que faltan carrís para buses ou taxis.
Dignidade recuperada
A responsable socialista sinalou que “é hora de que a Xunta dea un paso á fronte para devolverlle a dignidade a esta rúa, situando a Progreso no lugar que merece como columna vertebral da cidade”. Reclamou maiores beirarrúas, dous carrís para tráfico e un espazo para buses, taxis, ambulancias, bicicletas e dispositivos eléctricos entre a praza de Alférez Provisional e o Xardín do Posío. Tamén reclamou que entre Alférez Provisional e a praza de Concepción Arenal se habilite un carril para tráfico rodado de sentido único e unha zona reservada para buses, taxis, ambulancias, bicicletas e outros dispositivos, así como beirarrúas amplas. Considera “imprescindible” dotar á rúa dunha “estética moderna, eficiente e unitaria nas beirarrúas, na iluminación pública e no mobiliario urbano”