No marco da programación de Nadal de Ribadavia, poderase visitar do 7 de Decembro ao 7 de Xaneiro, na igrexa de Santiago o “Belén de Julio Dabarca”.
Nesta representación do Nacemento do Neno Xesús, pódense observar escenas de oficios tradicionais da comarca do Ribeiro e elementos simbólicos da Vila de Ribadavia como o Castelo dos Condes de Sarmiento, a Tahona dá Herminia, a Porta Nova, a capela de San Xes, a Banda A Lira e os xigantes e cabezudos.

O autor deste Nacemento é Julio Dabarca, veciño da parroquia de Francelos, que comezou a tallar as figuras no ano 2001 en madeira de cerdeira.
A iniciativa da montaxe foi do autor e da Parroquia de Ribadavia, en colaboración coa Asociación de Mulleres Rurais e o Concello de Ribadavia. A igrexa de Santiago permanecerá aberta grazas á colaboración dos voluntarios da parroquia no seguinte horario:
Mañá de 11:00h a 13:00h.
Tarde de 16:00h a 18:00h.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, aproveitou o acto inaugural do Belén para dar os parabéns a Julio Dabarca por “unha obra que mistura con gran mestría os elementos típicos dos beléns tradicionais con elementos identitarios e patrimoniais de Ribadavia como son o Castelo dos Sarmiento, a Banda A Lira, a Igrexa de San Xés ou as figuras de Don Pedro e Dona Ana que, xunto cos cabezudos, están presentes en todas as celebracións do noso concello.” César Fernández agradeceu á parroquia, as mulleres rurais e a todos os voluntarios que participaron na colocación do Belén, a súa implicación con Ribadavia e o seu traballo para poder contar con esta actividade que se converterá nunha das actividades fixas no nadal de Ribadavia nos vindeiros anos.