O BNG do Ribeiro urxe democratizar o Consello Regulador para rematar coa instrumentalización partidista do Partido Popular

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O relevo na presidencia é unha oportunidade crucial para facer cambios significativos no sector vitivinícola da denominación de orixe.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A comezos deste mes de maio, asistimos á renuncia de Juan Manuel Casares Gándara como presidente do Consello Regulador, tras a súa toma de posesión como deputado do Parlamento de Galicia polo Partido Popular. Non é a primeira vez que ocorre isto no Ribeiro, xa que no 2016 outro presidente, Miguel Angel Viso seguiu o mesmo camiño.
Desde o BNG  esiximos que o Partido Popular finalice coa instrumentalización partidista do Consello Regulador. Converteu a unha corporación de dereito público que debe estar ao servizo dos intereses vitivinícolas desta comarca, nunha plataforma ao servizo do PP para dar proxección pública e mediática aos seus candidatos, destinando os fondos públicos para a promoción dos viños do Ribeiro, á promoción persoal de candidatos electorais populares.
Durante o seu mandato, a errática traxectoria de Juan Manuel  Casares Gándara no Ribeiro foi en máis dunha ocasión condenada nos xulgados e tribunais. Durante a súa presidencia o consello regulador acumulou entre outras as seguintes sentencias:

  • por abuso de dereito,  pola subida de prezo das precintas de garantía exercitado con abuso de dereito e favorecendo os intereses particulares dun grupo de vocais do Pleno, resultando danados ou prexudicados economicamente as minorías produtoras de viño no pleno (colleiteiros e pequenos adegueiros)
  • por despido nulo da anterior secretaria-xerente Cristina Alcalá con recoñecemento de vulneración dos dereitos fundamentais da traballadora.

Ademais Casares Gándara abandona o Consello Regulador estando actualmente na situación procesal de investigado (xunto ao actual secretario-xerente) por presunto delito de Falsificación de Documentos Públicos. Causa que pasa agora a mans do Tribunal de Xustiza de Galicia dada a súa recente condición de aforado.
En moitos destes procesos o Consello Regulador afrontou cuantiosas indemnizacións polos danos e prexuízos ocasionados, sufragados con fondos da entidade, que tivo que facerse cargo das caprichosas decisións dos seus mandatarios.
A autoritaria e caprichosa presidencia de Casares Gándara á fronte do denominación de orixe levouno a exercer unha errática e caciquil xestión do persoal do Consello Regulador, despedindo a numeroso persoal, entre eles, á secretaria-xerente, ao director-técnico, ou desmantelando o Órgano de Control e certificación, con continuos despidos e acumulacións de baixas de longa duración do persoal. E como director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia contribuíu tamén ao desmantelamento desta insigne ferramenta científica sita na nosa comarca.
Así mesmo durante a súa presidencia no Consello Regulador encargou o enésimo plan estratéxico, cuxo alto custe non poido ser aproveitado pola denominación de orixe xa que decidiu ocultalo e non compartilo co sector.
A situación actual, é que en 2024 e tras o seu mandato de máis de 6 anos, todos os indicadores económicos da denominación de orixe empeoraron: abandonouse máis superficie de plantación da que se recuperou, o número de viticultores decreceu, ao igual que o número de hectáreas acollidas, e decreceu tamén o relevo xeracional. Este foi o resultado da xestión do candidato do Partido Popular.
A Consellería do Medio Rural e AGACAL (axencia galega de calidade alimentaria) son tamén responsables desta nefasta xestión ao non exercer as competencias de tutela e supervisión do consello regulador que por lei teñen encomendadas. Estando ao tanto de todas estas actuacións, xa que entre outras competencias teñen representantes no propio Pleno do Consello Regulador.
A próxima elección da Presidencia no Ribeiro, coincide temporalmente co cese de José Luis Cabarcos Corral como director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria este mesmo luns, e o “traslado” do anterior conselleiro á Consellería de Emprego e Comercio. Ábrese polo tanto unha nova oportunidade para reconducir a situación do Ribeiro, na que é necesario que se implique todo o sector vitivinícola da comarca.
Polo tanto, desde o BNG do Ribeiro urximos  a un necesario e verdadeiro proceso de democratización do Consello Regulador da denominación de Orixe Ribeiro. É necesario aproveitar o próximo nomeamento da Presidencia desta corporación, para que ao seu fronte estexa unha persoa que cumpra entre outros os seguintes requisitos:

  • Unha persoa coñecedora da comarca
  • Relacionada co sector
  • Con capacidade de negociación e de aglutinar consensos
  • Con capacidade de xestión e dirección
  • Implicada no traballo a prol do ben común da comarca, e non a prol dos seus intereses políticos persoais.

Dende o BNG do Ribeiro, consideramos que é o momento de abordar cuestións esenciais:

  • Crer no potencial da comarca para xerar novas sinerxias entre todos os actores presentes e con competencias na denominación de orixe.
  • Creación dun polo de innovación científica e tecnolóxica conformado polo Consello Regulador, a EVEGA, o IES Ribeiro (centro de formación de técnicos de vitivinicultura, aceites, viño e industrias alimentarias) e un viveiro público de adegas para facilitar a incorporación dos novos técnicos.
  • Recuperación e mantemento dos viñedos antigos: Apostamos por revitalizar os viñedos que levan anos abandonados, preservando así a nosa rica tradición vitivinícola.
  • Rechazo ao modelo de polígonos agroforestais e á ampliación especulativa fóra dos límites históricos da D.O. Ningún destes modelos representa os intereses do Ribeiro.
  • Promoción do relevo xeracional: Crear as condicións necesarias para que as novas xeracións poidan incorporarse ao sector, proporcionando formación, apoio financeiro e oportunidades de desenvolvemento profesional.
  • Aposta pola calidade: Fomentar a produción de viños de alta calidade que poidan competir nos mercados nacionais e internacionais, garantindo un futuro próspero para o Ribeiro.

Estas propostas son parte dunha visión máis ampla para transformar e modernizar o sector vitivinícola do Ribeiro, asegurando que sexa sostible, inclusivo e de alta calidade.

PUBLICIDADE