Grazas a un inxente traballo de oposición, cun PP sen maioríaabsoluta, o voceiro socialista afirma que foron quen de “fixar as prioridades e condicionar políticas determinantes para a provincia”
O Plan Único de Financiamento “arrincado do PP” marca un antes e un
despois dun sistema que “privilexiaba a uns determinados concellos
amigos en detrimento dos que eran doutra cor política”
Diante dos medios, Vila repasou a batería de iniciativas socialistas a prol dunha meirande equidade e transparencia na xestión da Deputación e para apuntalar uns servizos públicos de calidade.
Apegados á realidade e casuísticas da provincia, con atención aos sectores agropecuario, mineiro e turístico, os socialistas rexeitan a resignación e catastrofismo do PP, apostando polo futuro de Ourense.
Ourense, 17 de xullo de 2024. O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE pasou
revista deste primeiro ano de mandato na Deputación de Ourense, amosándose
“satisfeito” e destacando “os logros” acadados durante este período “grazas ao
traballo das e dos deputados socialistas”. Para o voceiro socialista, Álvaro Vila,
“os comicios de 28 de maio de 2023 sancionan unha nova realidade na
Deputación, da que o PSdeG-PSOE é moi consciente, non contando o PP con
maioría absoluta e, polo tanto, abríndose grandes oportunidades para a mellora
das condicións dos concellos e da veciñanza da provincial”. Neste senso,
proseguiu Vila, “fomos quen de marcar o ritmo da Deputación, fixando
prioridades e condicionando na medida do posible políticas determinantes para
o presente e futuro da nosa provincia”.
Malia o descenso da representación, pasando os socialistas de nove a sete
deputados provinciais, o grupo do partido da rosa na Deputación aumentou a
súa presenza nas comisións informativas, pasando de tres a catro membros, e
“aumentando a cadencia de acción a todos os niveis”. Vila, que durante a rolda
de prensa estivo acompañado das deputadas e deputados da súa formación,
evocou a multiplicación de rogos, preguntas e demandas de información,
conformándose como grupo máis activo en canto a mocións presentadas a
Pleno, cun total de 17, duplicando mesmo as iniciativas do PP. Amais, Vila
destacou como, a través de intensas negociacións sobre a base de propostas
socialistas, conseguiron darlle a volta a situacións perniciosas para Ourense.
O logro do Plan Único de financiamento
Vila fixo especial fincapé no “logro” do Plan Único de financiamento, “que
arrincamos do PP, pasando páxina de décadas dun sistema que privilexiaba a
uns determinados concellos amigos en detrimento de outros, que eran doutra
cor política”. “Desde o mesmo momento da toma de posesión, durante o mes
de agosto de 2023, puxémonos a traballar nunha proposta de financiamento
para os concellos baseada en criterios obxectivos, xustos e equitativos, que foi
presentada ao grupo de goberno do PP a comezos de setembro do pasado
ano”, explicou o voceiro socialista.
“A nosa proposta aspiraba á mobilización do 22% do orzamento da Deputación
para distribuír equitativamente entre concellos, representado arredor de 20
millóns de euros, fronte aos 12 millóns de euros cos que o PP arrancou a
negociación”, desvelou Vila. Segundo este, “contemplabamos unha cantidade
fixa por concello, de 100.000€, e un variable sobre criterios obxectivos como
demografía, núcleos de poboación, superficie e índice de envellecemento”.
Finalmente, acadouse un compromiso por un monto inicial de 20 millóns de
euros: 17 millóns de partida e tres máis vía modificación orzamentaria.
“O obxectivo de lexislatura era chegar aos 23 millóns de euros, que obtivemos
xa en abril, condicionando a nosa abstención á mobilización de recursos
adicionais no marco do Plan CoperOu”, engadiu este. “Este novo plan de
financiamento representa un antes e un despois para os concellos, acadando
que todos os municipios dispoñan de fondos para desenvolver a súa actividade,
independentemente de quen goberne”, dixo Vila.
Para este, “antes os plans provinciais repartían 77.000€ por concello, quedando
o groso de financiación supeditada ao prace do presidente da Deputación vía
subvencións nominativas que rara vez chegaban a concellos non gobernados
polo PP”. Concellos socialistas como Entrimo, Amoeiro, Verín, Taboadela,
Ramirás, Melón, Maside, Castro Caldelas, Carballeda de Avia, Calvos de Randín
e Barbadás non recibían un só euro na modificación de crédito de febreiro de
2023.
Equidade e transparencia na Deputación
Durante a rolda de prensa, os socialistas debullaron os eixos que guiaron até o
de agora a súa acción de oposición, privilexiando iniciativas a prol dunha
meirande equidade e a transparencia na acción de Deputación, poñendo por
riba de todo a prestación de servizos de calidade para toda a veciñanza,
independentemente do seu lugar de residencia, “para que non haxa cidadáns
de primeira e de segunda, sen deixar a ninguén atrás”. Álvaro Vila destacou as
propostas socialistas para rachar co pasado da Deputación instaurar
procedementos equitativos, “onde non pesen as afinidades políticas e vontade
de quen ocupa o poder”.
Vila puxo varios exemplos, como a asignación de tractores-rozadoiras aos
concellos por rigorosa orde de solicitude, a negociación do Plan Provincial de
Estradas anual da Deputación, ao que se destinarán a partires de agora 4,5
millóns de euros para actuacións baseadas en criterios técnicos obxectivos,
segundo as necesidades dos municipios; a modificación da Relación de Postos
de Traballo (RPT) da Deputación, que agora inclúe reivindicacións socialistas
para maior claridade ou a modificación, adecuación e actualización do
Regulamento Orgánico da Deputación, “máis acaído coas novas realidades,
avanzando cara máis transparencia de cara a sociedade e apuntalando o valor
traballo dos grupos, sen marxe para adulterar as iniciativas”.
Servizos públicos de calidade para todas e todos
Doutra banda, o Grupo Provincial Socialista “mantén o seu tradicional
compromiso coa prestación de servizos públicos de calidade para
absolutamente toda a veciñanza de Ourense, independentemente do seu lugar
de residencia para que non quede ninguén atrás”. Vila mencionou as diferentes
iniciativas presentadas para a defensa da sanidade e a educación na nosa
provincia, o éxito na paralización da privatización do servizo de recollida do lixo,
que o goberno do PP tiña ben encarrilada desde a pasada lexislatura, ou o
acordo para a posta en marcha dun grupo de traballo con todos os actores
implicados na conformación dunha auténtica área metropolitana de transporte
arredor da capital.
Para ratificar o denso do traballo e os logros deste primeiro ano de mandato,
Vila continuou enumerando algúns dos fitos do seu grupo: “obtivemos tamén o
acordo para a implantación dun servizo itinerante de detección e prevención de
todo tipo de adicións con persoal especializado, conseguimos a aprobación
dunha nova axuda económica da Deputación para a compra e rehabilitación de
vivendas de titularidade municipal, a través das nosas alegacións ao Plan de
Subvencións 2023-2027 acadamos axudas para os concellos con conservatorios
profesionais de música e conseguimos dar ao traste coa proposta inicial do PP
que pretendía deixar sen axudas para a construción e mellora de instalacións
deportivas aos concellos onde non existira deporte de base”.
Proxecto socialista para unha provincia con futuro
O voceiro do PSdeG-PSOE non quixo rematar a súa comparecencia diante dos
medios se manifestar como o seu partido “mantense en todo momento moi
apegado á realidade e casuísticas que afecta á nosa provincia, con atención
particularizada e iniciativas encamiñadas a paliar dramas como o
despoboamento ou insuficiencias na prestación de servizos no noso rural”.
Segundo subliñou, “amosamos unha especial sensibilidade cos sectores
agropecuario e mineiro, determinantes para o emprego da provincia, fixar
poboación e inverter a tendencia de despoboamento, a través de mocións a
prol do sector da castaña, sector gandeiro, mineiro e turístico”.
O máximo responsable dos socialistas na Deputación de Ourense destacou as
iniciativas a prol destes sectores, que cualificou de “chave para o futuro da
provincia”. “Porque, alén da improvisación e reacción fronte ás urxencias,
sempre no último momento, como adoita facer o PP, desviando a atención e
evitando asumir responsabilidades na deriva da provincia, nós temos un
proxecto de goberno para Ourense, de futuro, non sucumbindo de xeito algún
ao catastrofismo e resignación da que fan gala os dirixentes populares”,
concluíu Vila