Comunicado do Bng de Castrelo de Miño

O ilexítimo alcalde de Castrelo de Miño, apoiado polos dous tránsfugas,
segue dedicándose a desmantelar servizos. Nesta ocasión, tocoulle a aula
de informática da rede CEMIT (INFO), iniciativa do BNG, que levaba
funcionando dende o ano 2008. Castrelo de Miño foi proxecto piloto deste
tipo de aulas, antes de que foran da rede CEMIT.
Fai dez anos o goberno do BNG reformou totalmente a chamada casa do
médico en Paradela, obtendo premios de enxeñería sostíbel e na que se
situou a aula de informática e a biblioteca. Nesta aula, ademais de ter
unha persoa para atendela cunha subvención da Xunta da Galiza, onde o
concello aportaba unha pequena parte, dábanse cursos de alfabetización
dixital de maneira gratuíta para toda a veciñanza, os cales son moi
necesarios dado o auxe das comunicacións coas administracións públicas
de maneira telemática.
Nestes momentos, ademais de perder a subvención da persoa que
traballaba na aula CEMIT, xa non queda rastro da propia aula. Outro
servizo que tiñamos os veciños de Castrelo de Miño que non imos poder
volver a desfrutar.
Vese que como o ilexítimo non vive no noso concello non precisa estes
servizos e dedícase a vender fume de grandes obras que nunca se van
facer. Cal será o seguinte desmantelamento?? Suma e segue Sr. Pazos!!