• A Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu preto de 24.000 euros na reparación da súa cuberta
  • Gabriel Alén lembrou desta orde resultaron beneficiados 8 concellos da provincia: Pereiro de Aguiar, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, Cualedro, Verea, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Xinzo de Limia, cun investimento total de 108. 288 euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense desprazouse esta mañá ao concello de Xinzo para manter un encontro institucional coa súa alcaldesa, Elvira Lama. Durante unha hora analizaron as principais demandas do municipio en relación á Administración autonómica e fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.

A continuación visitaron as obras da Casa da Cultura, onde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu preto de 24.000 euros na reparación da súa cuberta ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades a locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.

Nesta liña, o representante do Goberno galego lembrou desta orde resultaron beneficiados 8 concellos da provincia: Pereiro de Aguiar, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, Cualedro, Verea, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Xinzo de Limia, cun investimento total de 108. 288 euros.

O delegado territorial puxo en valor as actuacións desenvolvidas na cuberta do edificio, “as casas da cultura son centros dinamizadores da vida cultural e social dos pobos, que involucran a toda cidadanía”; por iso, -continuou o delegado- debemos telas sempre nas mellores condicións, para que os veciños e veciñas desfruten do seus servizos e participen das súas actividades”.

Gabriel Alén explicou que se trataba dunha obra necesaria polo estado no que se atopaba o tellado que filtraba auga por unha serie de goteiras que poderían causar danos nas instalacións do interior do edificio. Deste xeito, procedeuse á colocación de chapa “sándwich”, impermeabilizouse a terraza, ampliouse o corpo de chegada do ascensor e substituíronse os caleiros.