Durante toda esta fin de semana, no marco da programación da Festa do Pulpo, a Praza Maior do Carballiño foi o escaparate de seis bodegas: Arco da Vella-Adega do Eladio, Adega Viña-Carpazal, Eduardo Bravo, Casal de Armán, Pazo Tizón e Oryctes.
Os viños servíronse nunhas copas especialmente deseñadas para a Festa do Pulpo, que nesta 62ª edición dedícase á D.O Ribeiro, a máis antiga das galegas. Viño e pulpo serán a perfecta maridaxe desta celebración declarada no 2022 festa de interese turístico internacional. A música tamén estivo presente durante toda esta fin de semana.
Despois deste pistoletazo de saída, os pulpeiros e pulpeiras do Carballiño prepáranse para conseguir o que parece imposible: elaborar unha tapa de pulpo de 590 quilos nun prato de 5,37 metros de diámetro a gran velocidade. Será mañá martes cando intenten bater un novo récord mundial na Praza Maior e a súa fazaña será presenciada por centos de veciños, veciñas e visitantes, como ocorreu xa nas pasadas edicións. Para a elaboración da tapa de pulpo tamén serán necesarios 50 litros de aceite, 7 quilos de sal e 3 de pimentón.