- Este produto de tempada poderá desfrutarse o vindeiro domingo 27 de outubro na Praza Maior
Ribadavia, 23 de outubro de 2024
A Asociación de Mulleres Rurais “Nosa Señora do Portal” de Ribadavia convídavos a participar nunha deliciosa degustación de cogomelos o próximo domingo, 27 de outubro, a partir das 12:30 horas na emblemática Praza Maior de Ribadavia. Esta iniciativa conta co patrocinio e colaboración do Concello de Ribadavia.
Durante o evento, os asistentes poderán desfrutar de cogomelos cociñados á prancha con xamón, así como dunha exquisita preparación con arroz, pratos que xa se converteron en favoritos tanto de locais como de visitantes.
A Asociación de Mulleres Rurais “Nosa Señora do Portal”, con máis de 40 anos de historia, é unha entidade moi activa na vida comunitaria de Ribadavia, organizando actividades tan recoñecidas como a alfombra floral en honor á patroa da vila, Nosa Señora do Portal, ou as populares clases de aquagym. Actualmente presidida por María Martínez Abad, quen leva máis de dúas décadas á fronte da asociación, esta agrupación conta con máis de 100 socias que traballan arreo para dinamizar a vida rural e preservar as tradicións locais.
Dende o Concello e dende a Asociación de Mulleres Rurais convidan a aproveitar esta esta oportunidade de saborear o outono de Ribadavia e de compartir un día de gastronomía e convivencia na Praza Maior.
Data: Domingo, 27 de outubro de 2024
Hora: A partir das 12:30 horas
Lugar: Praza Maior de Ribadavia