As e os socialistas consideran “esaxerados” os incrementos que se van a producir e que repercutirán directamente nos recibos que paga a veciñanza e os negocios, pasando a pagar 79,93 euros anuais nos domicilios e 158,85 no comercios, no mellor dos casos
Germán García-Ávila sinala que “a pesares de non estar de acordo co convenio, atopámonos coa espada de Damocles enriba da cabeza”, xa que segundo apunta de non aprobarse a adhesión ao convenio “a partires do 1 de xaneiro, o concello quedaría sen recollida de lixo”
“O próximo ano e con tempo suficiente esixirémoslle ao alcalde que se elabore un prego de condición para ver se algunha empresa se interesa na contratación do servizo e analizar se resulta máis económico que o prestado pola Deputación”, apunta García-Ávila
Viana do Bolo, 24 de outubro de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo amosa a súa “rotunda” oposición ante o aumento das taxas pola recollida do lixo e critica o “silencio cómplice” do rexedor ante esta cuestión. As e os socialistas consideran “esaxerados” os incrementos que se van a producir e que repercutirán directamente nos recibos que paga a veciñanza e os negocios, pasando a pagar 79,93 euros anuais nos domicilios (pagaban 60,36) e 158,85 no comercios, no mellor dos casos (pagaban 82,64). Un incremento que nas aldeas “é exponencial”.
Durante o pleno celebrado o pasado luns, no que se trataba a renovación do convenio coa Deputación para a recollida do lixo, o grupo municipal socialista pediu aclaracións ao alcalde ante este aumento da taxa, pero tal e como apuntan “non obtivemos ningunha resposta”. As e os socialistas teñen claro que este incremento vén motivado pola “mala praxe” que aplica Sogama no tratamento dos residuos que, ao incinerar os refugallos nun 60%, implica unha sanción económica por parte da Unión Europea, o que altera o coste total do tratamento.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, sinala que “a pesares de non estar de acordo co convenio asinado entre concello e Deputación, atopámonos coa espada de Damocles enriba da cabeza”, xa que segundo apunta de non aprobarse a adhesión ao convenio “a partires do 1 de xaneiro, o concello quedaría sen recollida de lixo”. Ante esta situación o edil socialista denuncia “a falla de dilixencia por parte do concello, ao non ter tratado con tempo esta situación, o que houbera permitido buscar a posibilidade de contratar o servizo a algunha empresa”.
Ante estas circunstancias e para evitar o “caos” que suporía que Viana do Bolo quedase sen servizo de recollida de lixo o voto do PSdeG-PSOE foi a abstención, máis tal e como apuntan “para poder renovar o convenio esixíase maioría absoluta na votación, motivo polo que mudaron a abstención polo voto a favor. Esta situación é común a todos os concellos da provincia que teñen delegado o servizo de recollida de lixo ca Deputación Provincial de Ourense, agás Verín e O Barco.
“O próximo ano e con tempo suficiente esixirémoslle ao alcalde que se elabore un prego de condición para ver se algunha empresa se interesa na contratación do servizo e analizar se resulta máis económico que o prestado pola Deputación”, sinala Germán García-Ávila. Neste senso, o voceiro socialista tamén lle pide ao concello que “reclame da Xunta que esixa a Sogama un cambio no modo de tratar os residuos para non verse sancionada e non ter que incrementar a taxa que se aplica á veciñanza e aos comerciantes”.