O Salón Internacional de Turismo Gastronómico (Xantar) abríu as súas portas en Expourense botando a vista atrás para ver o camiño percorrido, pero marcando ao mesmo tempo un punto de inflexión cara unha feira máis actual. Un “novo Xantar”, xa posicionado coma punto de encontro profesional que busca agora tamén a implicación do público en xeral, con acción tales como a entrada gratuíta, os concertos, os restaurantes baseados en tapas e petiscos co apoio dos hostaleiros de Ourense ou un deseño máis atractivo e moderno nos stands. Nesta feira gastronómica non podía faltar o Xeodestino O Ribeiro-O Carballiño, cun stand propio onde o pulpo e o viño resultan atractivos para os visitantes, así como tamén a presenza doutros stands con produtos da comarca carballiñesa, como as ‘poias’ da IXP Pan de Cea ou os queixos, a leite e os kéfir da Cooperativa Santa Mariña de Loureiro, do municipio do Irixo. Da comarca do Ribeiro, Arnoia e Castrelo de Miño promocionan no seus stands os viños, os pementos e as instalación do Parque Náutico de Galicia.
O acto oficial de inauguración, amenizado ao seu remate polo actor ourensán Sergio Pazos, estivo presidido por José González Vázquez, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e presidente do padroado da Fundación Expourense, quen declarou que “Xantar é un magnífico escaparate dos mellores produtos galegos que dinamizan a economía rural, contribúen á creación de emprego e riqueza e impulsan un modelo de desenvolvemento no que a calidade e a sostibilidade son inseparables”.Ademais do conselleiro, participaron na inauguración de Xantar o delegado do Goberno en Galicia, os presidentes das Deputacións de Ourense e Pontevedra e os representantes das entidades que tiveron a súa adicación na primeira xornada, coma foi o caso de Viveiro e Oleiros, e no que Portugal ten o seu protagonismo con máis de 15 cámaras municipais, ademais das incluídas no stand Entidade de Turismo Porto e Norte, coma é o caso de Maia, Vila Real ou a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e Barroso, integrada por seis cámaras municipais do norte de Portugal.
Durante a primeira xornada tamén se celebrou a gala de entrega dos Pratos de Ouro de Radio Turismo, que foron entregados aos restaurantes Bágoa (Ourense), Pulpería Fuchela (O Carballiño), Miga (A Coruña), Beiramar (Pontevedra) e Pousada O Almacén (Lugo). Asemade, entregáronse os Gorros Brancos aos chefs Javier Outomuro (A Taberna, Ourense), José Pérez “Pepe Callos” (Fontefría, Ourense), Andrés Virgos (Boomer, Pontevedra) e Eva María Guzmán e Fernando Rodríguez (O Secadeiro, Outes, A Coruña). Finalmente, a medalla de ouro de Radio Turismo foi para Marisol Nóvoa Rodríguez, presidenta da CEO e integrante do Padrodado de Expourense, en agradecemento ao apoio amosado en tódolos eventos.
Expourense convértese ata o vindeiro domingo no epicentro do turismo enogastronómico peninsular, reunindo a máis de 90 expositores e con cinco países representados (España, Portugal, Australia, Perú e Costa Rica). Ademais da Zona de Tapas, conta con catro restaurantes (INORDE, Ourense Enogastronómica, festas gastronómicas de Valdeorras e Mantesil–gastronomía tradicional), dúas aulas gastronómicas, unha aula de catas comentadas e un espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia.