No día mundial do medio ambiente, adicado á conservación da biodiversidade, o Concello destaca o esforzo realizado no mantemento dos espazos naturais

O Carballiño, 5 de xuño de 2020.- O Carballiño conta actualmente con case medio millón de metros cadrados de espazos verdes, sendo o parque municipal e as ribeiras do río Arenteiro as zonas con maior biodiversidade e de maior interese.

No Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra este venres, 5 de xuño, e que nesta edición está dedicado á conservación da biodiversidade, o concello quere resaltar o esforzo que supón o mantemento dos espazos verdes.

En concreto, cabe destacar o parque municipal, de 32 hectáreas, que está a piques de cumprir o centenario da súa creación, e que é un dos parques máis salientables de Galicia, pois conta cunhas 140 especies botánicas catalogadas ademais dunha importante colonia de aves e de especies piscícolas.

PUBLICIDADE ELECTORAL

Hai especies de grande singularidade, como son dúas grandes secuoyas (Secuoia sempervirens), os Eucalyptus globulus da entrada, varias especies de cipreses imponentes, un exemplar de Eucalytus ovata, probablemente o único en Galicia, tuyas xigantes e pinos de oregón, así como ginkgos, liquidámbar, carpes, arces, carballos americanos, chopos, tilos, castiñeiros ou bidueiros.

E doutro lado,   resaltan os sendeiros do río Arenteiro, desde a Ponte de Veiga ata a Ponterriza, e incluso ata Castro Cavadoso, pasando pola Piscifactoría e o Parque Etnográfico, cunha paisaxe característica de ribeira fluvial. Así como a ruta do Camiño dos Arrieiros, con tramos á beira do río Carrás.

Trátase dun conxunto de zonas naturais, que requiren un esforzo notable de mantemento, e que lle otorgan ao Carballiño un lugar preferente na conservación de espazos naturais, e que poden disfrutarse durante calquera época de ano.