Ourense, 22 de novembro de 2024_ Esta mañá tivo lugar na sede da Federación Galega de Comercio o sorteo ante notario dos 10.000 euros en premios correspondentes á edición de outono da campaña Merca no teu comercio en Ourense, iniciativa de dinamización do comercio de proximidade que se desenvolveu entre 1 e o 20 de novembro, organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia – Dirección Xeral de Comercio e Consumo, en colaboración coa Federación de Comercio de Ourense.
A participación nesta edición outonal foi moi exitosa, rexistrándose un total de 17.951 tickets, pertencentes a compras realizadas nos establecementos adheridos a través das distintas asociacións de comerciantes da provincia. Esta cantidade supón un volume de negocio que supera o medio millón de euros con esta iniciativa promocional, cuxo principal obxectivo é poñer en valor o comercio de proximidade, incentivar as compras e premiar a aposta dos clientes polo comercio local.
Hoxe sorteáronse 10.000 euros ante o notario José Manuel López Cedrón, cartos repartidos en 50 bonos en formato código QR de 200 euros que deben ser empregados polos gañadores para volver a realizar compras nun máximo de tres establecementos participantes na campaña. Os premiados poderán consultarse na web www.mercanoteucomercioourenseoutono.com/ganadores.
O acto de entrega destes premios terá lugar o vindeiro 28 de novembro, xoves, ás 19.30 horas, no Auditorio Municipal de Verín (Camiño a Balneario de Sousas). Neste evento sortearase en directo -entre os asistentes que acrediten participación na campaña- un premio de 1.000 euros para gastar nunha xornada de compras, segundo as bases da campaña.