A parlamentaria socialista Carmen R. Dacosta presentará unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento que se celebra mañá mércores, a partir das 10,00 h. para reclamarlle á Xunta que reconsidere a licitación da xestión do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense e garanta ás familias que a xestión do centro sexa pública e directa por parte do goberno galego.
Á MESA DO PARLAMENTO
O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa das súas
deputadas Carmen Rodríguez Dacosta, Silvia Longueira Castro e María
Elena Espinosa Mangana, a través do seu voceiro e ao abeiro do disposto no
artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta ante esta Mesa a seguinte
proposición non de lei para debate en Pleno.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Máis de oito anos levan loitando, en Ourense, as familias de persoas con
discapacidade, para que a Xunta de Galicia constrúa e poña en funcionamento
un centro de atención para persoas con discapacidade, de titularidade e xestión
pública directa, do que xa dispoñen o resto de provincias galegas.
Loitan, estas familias, polo dereito das persoas con discapacidade ou
diversidade ao recibir atención nun centro público de calidade terapéuticoocupacional
preto das súas casas, sen ter que desprazarse de provincia. E co
fin das persoas con diversidade ou discapacidade acaden os mesmos dereitos
para os seus fillos/as que o resto de galegos/as.
Nestes momentos e despois de moitos atrancos rematouse a construción do
mesmo no barrio de Barrocás.
Dende o Grupo Parlamentario Socialista presentamos distintas iniciativas para
que o Goberno galego se comprometera dunha vez por todas que a xestión do
CAPD sexa público e de xestión directa pero despois de dar a calada por
resposta a conselleira de Política Social avanzaba nunha entrevista a finais de
decembro que en vindeiros Consellos da Xunta de Galicia se aprobará a
licitación para a xestión do novo Centro de Atención a Persoas con Diversidade
Funcional mediante a licitación da xestión para unha entidade sen ánimo de
lucro.
A decisión da Xunta de Galicia non responde as expectativas da plataforma e
supón unha nova discriminación para a provincia de Ourense, dado que o resto
de provincias galegas dispoñen dun centro destas características de xestión
pública e directa.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta
a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Pleno:
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que reconsidere a decisión de
licitar a xestión do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade para unha
entidade sen ánimo de lucro e garanta ás familias das futuras persoas usuarias
que a xestión do CAPD será pública e de xestión directa.