· A portavoz popular, Patricia Torres, afirma que coa postura adoptada hoxe, “os socialistas abandonaron totalmente a defensa dos intereses da veciñanza ourensá, amparándose en escusas, desviando a atención con emendas e sen disposición ao diálogo”
· Contrapuxo a deputada popular o consenso alcanzado co BNG á hora de apoiar unha moción nacionalista sobre a promoción do galego, “a través do debate en positivo”
28, febreiro, 2025. O Partido Popular afea a postura mantida hoxe polo grupo provincial socialista ante a súa negativa a apoiar senllas iniciativas nas que se defendían as reclamacións dos concellos de Lobios e Entrimo sobre o encoro de Lindoso, así como a solicitar o mantemento do emprego na empresa Faurecia.
A portavoz popular, Patricia Torres, afirma que coa postura adoptada hoxe, “os socialistas abandonaron totalmente a defensa dos intereses da veciñanza ourensá”, por unha banda representada a través dos concellos de Lobios e Entrimo, que reclaman “unha discriminación positiva e que se lles teña en conta para que se compensen as perdas por tributos e o impacto no medio ambiente ocasionado polo encoro de Lindoso”.
Patricia Torres lamenta a negativa do grupo socialista a negociar unha iniciativa que procuraba resolver o agravio comparativo dos concellos que teñen encoros transfronteirizos, acusando ao PSOE de “ampararse en escusas”, desviando a atención cara a Xunta de Galicia e a propia Deputación con emendas, “cando se trata dun problema que deben resolver os estados español e portugués”.
Critica a portavoz popular “a total falta de disposición ao diálogo” dos socialistas, que “puideron negociar unha moción conxunta no propio debate, tal e como lles convidou o presidente para facer unha fronte común na reclamación de compensacións para os territorios afectados”.
Torres lamenta tamén que o PSOE mantivera esta mesma “falta de disposición ao consenso” no caso da moción do PP, apoiada polo resto dos grupos, na que se pedían garantías para manter o emprego na empresa Faurecia, ante o seu futuro incerto nun sector de gran importancia na provincia e Galicia.
Para a deputada popular, os socialistas “escudáronse de novo en desculpas” para non apoiar unha proposta que busca defender o emprego nesta empresa, “pero que tamén reclama ao Goberno central convocatorias de axudas para o sector da automoción e industrias auxiliares, a fin de que garantan o emprego de proximidade e eviten a deslocalización”.
ACORDO CO BNG PARA O APOIO Á MOCIÓN EN DEFENSA DO GALEGO
Por outra banda, Patricia Torres puxo en valor o acordo alcanzado co BNG para apoiar unha moción nacionalista na que se formulan medidas para o reforzo da promoción do galego desde a institución provincial.
Agradeceu “a boa disposición do BNG para chegar a este acordo” e defendeu que “o debate sobre a lingua sempre debería ser en positivo e nunca baseado na confrontación, e na Deputación estamos sendo un bo exemplo”.