O Auditorio do Carballiño acolle mañá o espectáculo infantil “Pior imposible” de Peter Punk

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Teatro, circo, malabares, equilibrismo, humor e clown integran o contido de “Pior imposible”, o espectáculo dirixido ao público infantil e familiar que chega mañá domingo ao Auditorio Manuel María do Carballiño. A función dará comezo ás 18,00 horas e o prezo da entrada é de 3,50€, xa que a representación inclúese no programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) da Consellería de Cultura.

Esta montaxe, realizada pola compañía Charlatana S.C.G. e interpretada por Isaac Rodríguez Miranda, foi galardoada co Premio do Público no ‘Festiclown 2014’ da localidade madrileña de Rivas. A obra supón “un novo reto unipersoal do recoñecido pallaso Peter Punk, no que mantén a súa esencia e o humor irreverente co que acadou o éxito, e onde dá mostra da súa veteranía e madurez, tras máis dunha década de traxectoria profesional”.

Peter Punk non contaba con que as cousas sempre poden ir a peor, e, na súa nova aventura, non lle queda outra que afrontar o seu fracaso. Pero está disposto a todo pola risa do público. Unha catedral de nove paraugas en equilibrio; o salto ao baleiro dun voluntario a cegas; o perigoso ‘Circuito da Morte’, e un evocador final que sorprenderá ás máis cativas e cativos, e fará reflexionar ao público adulto. Nesta ocasión veremos a un pallaso optimista, equilibrado e olímpico, que buscará a complicidade do público para superar as dificultades que atopará en cada rutina, como unha metáfora dos tempos que vivimos.